A plataforma non é gratuíta

Ricardo Vales TRIBUNA ABIERTA

A CORUÑA

A cidade pode atoparse diante da mellor oportunidade da súa historia para superar moitas deficiencias, potenciando os fundamentos de racionalidade dentro da futura remodelación portuaria

02 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Parrote está situado nunha das zoas máis cotizadas da cidade. Os focos das diversas televisións someten o lugar a todo un descubrimento, filmando en vivo as vivendas que ocupan persoas ás que lles atribúe unha categoría de excepción. Un dos mellores observatorios para a contemplación do mar e para notar axiña a brisa que desprende a vida de elite.

Pois ben, o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, acaba de anunciar a convocatoria dun concurso de ideas para a redacción dun proxecto de instalación dunha plataforma flotante, que entraría en funcionamento no verán de 2024, por 3,1 millóns de euros.

Como copromotor, xunto a Rosa Sánchez e Pili Sánchez, da recollida das 2.913 sinaturas contabilizadas, entregadas ao entón concelleiro de Urbanismo, Xiao Varela, para que se permitira o baño trala súa prohibición, mesmo coa instalación de sinais de advertencia, considero necesario precisar que en ningún momento se falou da plataforma flotante, que vexo un dispendio.

Sería moi oportuno aproveitar este momento electoral para lembrar a ocupación no seu día de 25.000 metros cadrados gañados ao mar que posibilitaron a construción do complexo polideportivo da Solana, inaugurado en 1942 e ampliado en 1970 a través dun novo recheo. Unha iniciativa prolongada co hotel Finisterre, inaugurado en 1948, sobre os terreos que ocupara o vello cárcere até 1928. Unha proposta á medida da cultura acumuladora dos vencedores da Guerra Civil, con efectos perniciosos para a veciñanza, que perdeu a praia do Parrote. Nada máis inhumano que o esquecemento.

Non teño problema en agradecer a receptividade do señor Fernández Prado para que os habituais da zona seguíramos entregándonos ao gozo do baño, así como os bos desexos que traslada para a apertura do litoral urbano a unha escala máis humana. Paréceme un avance porque leva implícito o recoñecemento de que a cidade pode atoparse diante da mellor oportunidade da súa historia para superar moitas deficiencias, potenciando os fundamentos de racionalidade dentro da futura remodelación portuaria. Por algo se empeza.