Sonia Hermida: «Os papás e mamás que censuran os libros non chegan máis alá da páxina 8»

m. CARNEIRO A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

A investigadora Sonia Hermida e o seu fillo, Iago, lector de «O señor dos anéis» con 8 anos, no parque de Vioño da Coruña
A investigadora Sonia Hermida e o seu fillo, Iago, lector de «O señor dos anéis» con 8 anos, no parque de Vioño da Coruña Marcos Míguez

A investigadora e mediadora en lectura ofrecerá este outono en A Coruña tres escolas literarias para pequenos e familias

17 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Sonia Hermida fala da importancia do ritual e da tribo para prender nos pequenos a semente lectora. A cerimonia que abre a porta da historia, sexa canción ou unha luz que se acende, e o grupo de iguais que convida a falar de libros no recreo. A especialista levou adiante o curso pasado un proxecto que implicou a 225 familias de 22 países con nenos de entre 3 e 12 anos escolarizados nun colexio da Sagrada Familia, movida polo principio de que «as persoas inmigrantes non só chegan para incorporarse a unha cultura, senón tamén para aportar á comunidade», di. E neste setembro está a piques de pechar tres escolas literarias para pais e nenos en Ese Sitio (Orzán, 194), onde ofrecerá «claves para elixir libros, acompañar aos nenos, fomentar o amor polas historias, saber qué é calidade e que non é, por que isto si e non aquilo; e actividades para os pequenos, dos que aínda non saben ler, ou mellor, que non saben descifrar o código escrito, ata os que xa andan por internet».

—Entón, que é ler?

—Hai unha escritora americana, Graciela Montes, que di que ler é descifrar indicios e construír sentido. Desde ben pequeniños os nenos están lendo o rostro da súa nai, o ton da súa voz, e interpretando e descifrando. O cerebro humano non vén preparado de serie para descifrar o código escrito, nin moito menos. É unha acción moi, moi, moi complexa e sofisticada para a que te van preparando os desciframentos anteriores. De feito, os nenos son magníficos lectores de imaxes.

—Como se aproveita iso na literatura infantil?

—Os autores saben moi ben que poden esconder nas imaxes un montón de mensaxes, mesmo de temas polémicos, como a morte ou o sexo, dos que ás veces os pais non se atreven a falarlles. Os nenos decátanse de todo. Carola Martínez dicíanos que os papás e as mamás que censuran os libros nunha chegan máis alá da páxina 8. Así que os escritores meten máis adiante os temas que poden escandalizar, e se van debuxados, mellor. Un texto que di «Mi mamá se murió» é o que é, xa está. Pero se debuxas unha muller cos ollos pechados, un neno dirá que está durmida e outro que está enferma. Desde o punto de vista emocional van poder asimilar algo brutal moito mellor cando se transmite a través de imaxes.

—De onde vén a súa dedicación?

—Do amor puro e duro. Teño unha filla con diversidade funcional, xa vai camiño dos 13 anos, e o seu cabalo de batalla era xustamente a comprensión oral. Para ela era moitísimo máis complicado todo e decidín que non podía ser, empecei a probar formas de contar as historias e a buscar as máis apropiadas. Non hai que entendelo todo. Quen entende todos os poemas que leu na súa vida? A literatura non vai de entender. O que eu quería era que gozase, que se abrisen esas portas. E pouco a pouco, con traballo e investigación, funo conseguindo. Iso foi o que alimentou todo. Despois teño dado charlas en asociacións de familias de nenos e nenas con diversidade funcional e cando te falan deses primeiros momentos nos que contas unha historia e de súpeto hai unha conexión, un clic, e xa, xa está... iso merece todo. E pensas que queres facer iso con máis nenos e axudarlle a máis familias a que iso suceda.

—Pero non hai fórmulas.

—Non, e chegará unha etapa na que deixarán de ler, pero ti xa fixeches ese traballo previo. Michèle Petit sempre di que os pais non terían que preocuparse tanto e que o importante é que saiban que os seus fillos saen da infancia con peto cheo de historias ás que acudir cando sexan maiores. A literatura é así, axúdache a construírte como persoa e vaiche axudar sempre. Por iso este traballo é tan fermoso e tan necesario.

—A literatura non vai de entender. De que vai a literatura?

—Para cada un é diferente, pero a literatura vai de vida. Desas historias ás que acudir cando estás mal e non sabes que facer, porque cando estás fenomenal non necesitas acubillo. A literatura axuda a calmar aos nenos cando están desacougados. Axuda a que sexan felices e monten unha festa tremenda. Non hai ningunha outra cousa no mundo, por moito que internet o intente, que nos complete como a literatura.

—Que pasa nos pequenos cando se lles aparece?

—Nalgúns dáse dun día para outro algo brutal e revolucionario, e non paran, devoran libros e queren máis e máis. Por iso triunfan as coleccións, porque a propia historia os devora. E noutros o proceso é máis lento. Pero case todos acaban chegando a esa fase de devorar, durante equis tempo, libros como pipas. E no caso de nenos con diversidade funcional, ao mellor pode custarlles máis ler con esa avidez, pero maniféstase doutras formas, por exemplo, recorrendo aos contos en momentos complexos nos que están mal e non saben como expresalo, porque teñen dificultades de comunicación e hai un proceso interno que non saben botar fóra. Ás veces o camiño é ese, a lectura axúdaos a calmarse, recoñecerse e resituarse. E non falo de libros con mensaxe, son antimoralizante.