Manel Cráneo: «Agora toca devolver ao sector cultural todo o que fixo no confinamento»

Fernando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

CESAR QUIAN

O autor reuniu nun libro titulado «Corona-Bios» os seus retratos da pandemia

15 ago 2021 . Actualizado a las 22:21 h.

Manel Cráneo é un dos rostros inevitábeis de Viñetas desde o Atlántico. Ano tras ano atopa tempo para estar á fronte do posto de Demo Editorial na Rúa da BD en Méndez Núñez. Algo non sempre doado cando, aparte de editor, un é un prolífico autor, o que está detrás dos pasatempos infantís do suplemento Elemental de La Voz de Galicia e responsable pai de familia, entre outras cousas. Cómo sobreviviu unha mente inqueda como a de este debuxante ao confinamento? Pois traballando, como sempre.

-Qué tal foi a feira do cómic este ano?

-Son doce anos xa con Demo Editorial, e a verdade é que despois de tocar fondo o ano pasado polo covid, as expectativas para este ano non eras a mellores. Pero resulta que rematamos a feira cun resultado espléndido. Eu diría que algúns días foron os de maiores vendas dos últimos dez anos. Veu moita xente e con moitas ganas de gastar diñeiro.

-Pois aínda menos mal. Xa ía sendo hora de que o sector da cultura recibira unha boa nova.

-Sí, tocounos bastante duro o tema da pandemia. Ademais, o da cultura foi un dos sectores que estivo durante un ano e pico dando contidos gratis nas redes para que a xente se divertise na casa. Así que creo que hai unha especie de xustiza, agora toca devolverlle aos autores todo o que fixeron durante o confinamento.

-Vostede fixo tanto no confinamento que lle deu para un libro: Corona-Bios.

-É un deses traballos que saen directamente do corazón. Eu baixei dun avión que viña de Roma, coa miña familia, co meu fillo, catro días antes de que nos confinaran. Parecía todo unha peli de zombis. Así que o libro saíu un pouco dunhas viñetas que fixen como terapia persoal miña. Os primeiros días na casa empecei a debuxar viñetas e a miña muller me animaba para que as subise á miña conta de Instagram. A min dábame reparo. Facer humor cunha cousa que estaba levando tantas vidas parecíame arriscado, a pesar de que eran viñetas moi medidas e respectuosas aínda que con moito humor negro. E pensando que precisamente o humor pode ser terapéutico empecei a publicalas. Claro que logo chegaron as prórrogas do confinamento e a cousa se converteu nun problema. A xente esixía máis viñetas. Así que o que comezou como unha terapia persoal pasou a ser un terapia de grupo.

-Sempre dende o humor.

-A idea é que fose un humor apto para todo o mundo. Ata o punto de que un amigo me comentou que lle tiña explicado o que estaba pasando ao seu fillo pequeno a través das miñas viñetas.

-Si, pero tampouco se cortou nada. No libro hai máis ataúdes que letras. E tamén moita crítica social e recoñecementos.

-Si, hai unhas cantas sobre sanitarios... Pero tamén sobre outros traballadores que estiveron ao pé do canón, como a xente do supermercado, que estiveron expostos desde o primeiro momento para que eu puidese ir mercar filetes para que comese o meu fillo. É un libro de humor, pero sempre con certo sentido crítico. Porque toleamos un pouco neses días. Como non podíamos ir de tendas empezamos a pedir miles de chorradas por Internet, sen pensar no risco do repartidor que tiña que traelas á casa. Hai que ter certa empatía.

-E contou coa bendición de nada menos que Xaquín Marín, que lle fai o prólogo.

-É que non podía pensar en ninguén máis ca el para prologar un libro de humor gráfico. É o mestre de todos, o gran referente, xunto a Castelao, do humor gráfico galego.

-Sorprende a sinxeleza das viñetas, sen adornos, paisaxes nin cor. Foi algo premeditado?

-Hai unha parte que ven da comodidade técnica: é moito máis fácil debuxar unha viñeta sen fondo. Pero tamén hai unha intención. Para min este é un cómic das persoas, do que lle ocorreu á xente fose de onde fose. Por iso os fondos, a localización, era totalmente prescindible. O importante, o que quería resaltar -tal e como indica o título- eran as historias das persoas, sen nada que distraese a mensaxe. Esas pequenas biografías comúns a todos en medio desa incerteza na que estábamos atrapados.

«Os artistas temos fama de inconstantes, pero eu debo ser algo atípico»

No stand de Demo Editorial na feira do cómic Viñetas desde o Atlántico, Cráneo estivo acompañado polo ilustrador Luis Sendón: «É que Demo Editorial e máis unha familia que outra cousa. Ao final é unha marabilla, porque tes un posto dunha editorial onde a xente que te atende son sempre autores. Iso lle da un pouco de personalidade e distinción», explica Cráneo.

-Ademais, Sendón convidouno a facer a portada do novo número da súa revista de terror: Altar Mutante.

-Ten moitísimo mérito sacar unha revista como esa ano tras ano. E a portada está de morte. É unha homenaxe ao cadro da Lección de anatomía de Rembrandt mesturado coa película de Alien. Quería facer esa reinterpretación a través do mundo dos esqueletos, que é algo que me gusta moito. Xa o teño usado moito, coido que por influencia de Castelao. É que os esqueletos dan moito xogo para falar da vida, porque poden facelo con total liberdade porque xa están mortos.

-Tamén fixo este ano a portada de Nai dos desterrados, a revista que presentou Amnistía Internacional en Viñetas.

-Encántame facer portadas. Pero nunca recibo eses encargos. Así que este ano desquiteime. Ademais apetecíame moitísimo, porque este ano falábase da xente que necesita coidados, e na miña familia xa tivemos que sufrir un alzhéimer durante catorce anos.

-E aínda ten tempo de montar a exposición sobre a historia da bandeira galega que vimos no Palacio Municipal e facer os pasatempos para nenos do suplemento Elemental de La Voz de Galicia. Cómo o fai?

-A clave é manexar ben a axenda. Os artistas temos fama de desordenados e inconstantes, pero eu debo ser algo atípico.