-E no hospital tamén? Porque aí tamén precisan moitos folgos.
-Si, no hospital tamén fago o mesmo. Ao mellor temos unha noite complicada e ás veces derrúbome tamén eh... Pero aínda así, intentamos animarnos todos. O outro día foi unha pasada, unhas risas...
-A conta súa, seguro.
-Si, a verdade, co conto este, porque grazas a estas cousas podemos desconectar un pouco e botar unhas risas.
-Entón vostede fai a quenda da noite, non?
-Si, e gústame moito a quenda de noite. Eu estou eventual, eh, estou cubrindo unha baixa. Antes estiven no Abente e Lago, tamén, traballando.
-Cambiou moito o seu traballo dende que empezou a crise do coronavirus?
-Non, nós temos traballo sempre e xa houbo outros virus. E virus moi fortes, eh, coidado! Que pasa? Que este é moi contaxioso e temos moito medo, porque algo así nunca se viu.
-Como é a súa protección persoal no traballo?
-Se estamos fóra das habitacións levamos máscaras e batas, pero para entrar nos cuartos si que hai que poñer os EPIs: gafas, luvas, gorro, calzas, máscara... Aí xa pos todo. E logo hai que tirar todo o material nun cubo antes de saír da habitación. O protocolo máximo.
Mes e medio sen ver a familia.
Festeira: As súas amigas xa saben que Ana é así, «sempre facendo tonterías para animar á xente».
Mes e medio sen ver a familia. Cando Ana pasa por diante da casa da súa nai en Arteixo, non baila porque vai no coche, pero pítalle e sempre saca unha bandeiriña pola xanela.
«Onte había tanta xente agardando que din un rodeo e volvín pasar!»
As deplorables condutas discriminatorias cos sanitarios por medo ao contaxio non entran na cabeza desta simpática limpadora de hospital.
-Notou iso con vostede?
-Non, para nada. Todo o contrario. Son eu a que se pechou na casa dende o principio. Coa miña nai, antes disto, xa estaba moi preocupada. Que ao mellor xa o pasamos eh! Son das que di que igual xa somos inmunes.
-Non a miran distinto por traballar nun hospital.
-Non, ao contrario! Están desexando que baixe á rúa!
-Algunha salsa xa lle vin bailar neses vídeos que andan polas redes sociais con vostede a todo trapo na rúa. É máis de Marc Anthony ou da muiñeira de Chantada?
-Eu son de muiñeira. Son de bailar á miña maneira, ao tolo. Teño unha amiga que sabe bachata e diso e agora ensíname. De feito, no segundo vídeo que tivo tanto éxito, eu bailar bailar... Aí non estaba bailando! Por favor, que parezo Mortadelo! [Risas] Vanme chamar Torrente!
-Xa fixo famosa a rúa pola que baila tamén. Cómo se chama?
-A rúa chámase José Manuel Ferreira Penedo. Está preto do centro médico. Eu tamén saio a aplaudir á fiestra, pero agora xa o saben. Un día si, un día non, saio para o traballo e bailo. Logo tamén xa lles pito co coche cando marcho. Onte había tanta xente agardando que aínda din unha volta de rodeo e volvín pasar e pitar. [Risas]
-E cando chega a casa, que? Como leva o confinamento?
-A ver, como todos. Eu fixen unha compra grande antes de que empezara todo isto e, claro, esta semana xa non saín para nada. De feito quería empezar a facer pan, para non ter que saír a por el. Amigas miñas xa están con iso. Temos tempo, non?