«Colleiteiras é un proxecto único»

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

ANGEL MANSO

Elas son as dos contedores laranxas que recollen o aceite usado nas nosas rúas

29 mar 2020 . Actualizado a las 23:28 h.

Souberon facer da necesidade unha virtude. Da experiencia da poboación xitana coa chatarra e o cartón naceu Mulleres Colleiteiras, unha cooperativa de recollida de aceite usado que cada vez ten mellores rexistros. O ano pasado evitaron o vertido de 140.000 litros de aceite á rede de sumidoiros. O proxecto coruñés quedou finalista nos premios Tierra de Mujeres da Fundación Ives Rocher. O fallo pospúxose por mor da crise do coronavirus. Ata o de agora atendían a restaurantes, colexios... «Isto vainos afectar moito», di Susana Peña. As seguintes respostas son previas ó decreto do estado de alarma, pero Colleiteiras segue, a día de hoxe, co seu labor de recollida nos famosos contedores laranxas.

-Xa son un referente.

-De feito, entidades de todo tipo nos chaman para facer proxectos conxuntos e para dar charlas.

-Existe algo similar en Galicia?

-Non. Colleiteiras é un proxecto único. Está Compostela Inserta, pero non son unha cooperativa.

-E no resto de España?

-Como este non o hai. Despois de empezar nós, saíu en Madrid Otro tiempo, otro planeta, pero non é igual.

-Ademais de expandirse por aquí, para cando a exportación do proxecto?

-Hai moita xente interesada en nós e, por suposto, imos a estar dando apoio e asesoramento a quen nos chame.

-Por exemplo?

-O outro día contactounos un grupo de mulleres de Alxeciras.

-Quen recicla máis aceite?

-Estamos recollendo máis nos comedores de Inditex, en Arteixo. Na Coruña, vai por barrios. No mercado de Elviña recóllese moitísimo e tamén na Sagrada, nos Mallos e Monte Alto, que foi onde empezamos. Teñen rodaxe!

-Hai máis conciencia social?

-Penso que si. Pouquiño a pouco, a xente vaise concienciando máis.

-E o que pasa de todo?

-Se non se recolle o aceite, está facendo un dano medioambiental incrible. Din que un litro de aceite contamina mil litros. Mentira. Contamina mil e cen mil. Aparte do dano nos tubos, están os recursos e os litros de auga que se precisan para depurar iso. E logo está o que chega ao mar, que forma unha película que non deixa pasar o osíxeno nin a luz solar. O aceite é un residuo moi contaminante.

-Un desexo para o futuro?

-Que nos autoricen para o uso directo do aceite.

-Que fins tería?

-Sería para as caldeiras das calefaccións. Cando saímos a dar charlas, encántanos dicir ós nenos: «O aceite que non tiras polo vertedoiro, úsase para quentar o teu edificio».

-Por que só mulleres?

-Porque as mulleres temos máis capacidade de adaptación e de poder transformar as cousas.

-Poñemos as gafas moradas?

-Hai que empoderarse e demostrar que somos quen de facelo.

-Que tal sería gañar o premio de Tierra de Mujeres da Fundación Yves Rocher? Só hai dous candidaturas ó galardón.

-Viríanos moi ben. Aparte do recoñecemento, precisamos unha furgoneta nova. A que temos está no taller cada dous por tres!

 

Nomeadas: Mulleres Colleiteiras é unha das dúas finalistas dos Premios Tierra de Mujeres de la Fundación Yves Rocher. Este galardón, do que o fallo quedou posposto polo coronavirus, ten 17 anos de historia en 11 países.

Referentes: A cooperativa coruñesa é un modelo de reinserción social.

«Nalgún caso é o único ingreso que levan a casa»

Mulleres Colleiteiras é un proxecto da oenegué Arquitectura sen Fronteiras que empezou en 2011 a traballar nos asentamentos chabolistas da Coruña, como As Rañas e A Pasaxe. Ademais da xerente, Susana Peña (A Coruña, 1973), a cooperativa está formada a día de hoxe por cinco mulleres que estaban en risco de exclusión social. A través da recollida selectiva do aceite usado lograron, ou están logrando, saír desa situación.

-Como lles cambiou a vida?

-Dúas xa non están no poboado, senón nun piso. Outras dúas van pouco a pouco, aumentando a xornada e levando ingresos. Nalgún caso é o único ingreso que levan a casa. Ademais, sacaron o carné de conducir e foron medrando moito.

-Cantos contedores teñen?

-Temos un total de 65 na Coruña, pero queremos instalar 20 máis nesta cidade. Tamén estamos en Arteixo (20 contedores) e en Cerceda, así como en centros comerciais de Ferrol e da Coruña. Queremos medrar pola provincia.

-Por que hai que metelo dentro nunha botella de plástico transparente?

-Porque nós aquí facemos unha selección e pola cor, diferenciamos o aceite de motor, que é negro.

-Ese non pode ir ó contedor.

-Iso é. E que se vertes aceite de motor, contaminas todo o demais.

-As nosas nais e avoas sabían como reutilizar o aceite.

-Vaia que si! E despois facían con el xabón e deterxente!

-Que fan con iso?

-Unha vez valorizado, vai para biocombustible. Nós acabamos de converternos en empresa valorizadora e xa podemos facer todo o proceso.