María José López Couso: «Precisamos máis recoñecemento social do valor das humanidades»

Montse Carneiro A CORUÑA

A CORUÑA

Profesora de Lingua e Literatura Inglesas, ata o xoves pasado foi decana da Facultade de Filoloxía de Santiago, posicionada entre as 250 mellores do mundo en varios áreas científicos

09 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O xoves cesou no cargo de decana que ostentou os últimos oito anos nunha facultade humanística, a de Filoloxía, que non adoita ocupar o centro do foco -ao revés que a tecnolóxicas ou científicas-, malia copar (ollo!) 8 dos 25 proxectos de investigación da Universidade de Santiago (USC) na última convocatoria de axudas do ministerio. Estar no grupo das 250 mellores universidades do mundo no seu campo non colleu por sorpresa a María José López Couso. 

-Que achega o ránking?

-O máis relevante tal vez sexa que precisamente nese ámbito que ten menos visibilidade, artes e humanidades, a USC destaca. Estamos moi satisfeitos. Nesta facultade fanse cousas moi importantes e non sempre se publicitan cando hai un fito. A parte do ránking, hai datos obxectivos en docencia, investigación, transferencia, nas convocatorias competitivas nacionais e europeas. É un bo escaparate cara a fóra.

-As humanidades semella que levan anos pendendo dun fío.

-En países da nosa contorna, en carreiras de ciencias hai materias que teñen que ver coas linguas, o pensamento ou a filosofía. É fundamental para a convivencia e o desenvolvemento do ser humano con independencia de se é tecnólogo, médico ou enxeñeiro.

-Cobren a matrícula?

-Non temos problemas. O único grao que non cubriu é filoloxía clásica e sempre foi así, ten un ámbito de actuación limitado. Outras universidades están tendo máis dificultades. Nós mantemos o tipo e melloramos substancialmente.

-Que lles queda logo?

-Eu creo que máis coñecemento social do valor das humanidades e do moito e bo que facemos. Boa parte da culpa témola nós, que non somos quen de chegar a fóra. É certo que temos que loitar de forma máis contundente contra os prexuízos que outras titulacións, con mellor prensa, non teñen.

-Terá que ver con que fan menos transferencia?

-Un titulado en calquera filoloxía non só é útil para ser profesor de ensino medio. Traballan en asesoría lingüística, cultural, tradución, mediación, industria editorial, xestión de recursos humanos, medios de comunicación. Somos moi versátiles. Un enxeñeiro seguramente ten un ámbito de aplicación do seu coñecemento moito máis limitado.