Romualdo Irixoa: «Temos un entroido único, pero non estamos sabendo capitalizalo»

FErnando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

ANGEL MANSO

O portavoz da comparsa Os Maracos reclama maior apoio institucional para a festa choqueira da Coruña

24 feb 2020 . Actualizado a las 11:25 h.

Comparseiro de toda a vida, Romualdo Irixoa ponse solemne cando ten que falar de algo tan serio como é o entroido choqueiro da Coruña, un ben cultural que ao seu xuízo debería de gozar dunha proxección e dun apoio institucional moito maior do que ten na actualidade. E todo isto mentres quenta a voz para interpretar os ferretes á fronte dos Maracos pola rúa da Torre.

-Realmente dá para tanto o entroido coruñés?

-Eu penso que dá moitísimo máis de si e vímolo reclamando dende fai anos. Cando Palau nos deixou, que era o gran capitán deste tinglado, baixouse o pistón. Xa non hai ese interese que había cando estaba de concelleiro, e hai que retomalo. E para iso é fundamental o Concello, pero tamén vos teño criticado a vos, os medios de comunicación. É que temos un entroido na Coruña que non teñen noutras cidades de Galicia nin de España. E non estamos sabendo capitalizar isto. Se está bo día, non vexas a de xente que hai na rúa estes días, sobre todo no martes de entroido na rúa da Torre. Non estamos aproveitando todo iso. E igual tamén temos nos algo de culpa por non saber dalo a coñecer máis. Pero está claro que necesitamos un pouco máis de apoio institucional. Temos algo único e estamos falando simplemente de aproveitar algo que é noso.

-Qué propón exactamente?

-Que se forme unha comisión na que estea presente o Concello e as comparsas, pero tamén empresas e hostaleiros. Entre todos, se queremos, podemos facer do entroido coruñés un referente coñecido en toda España.

-Como se fixo co San Xoán no seu día?

-É exactamente iso. De feito, unha das cousas que se estaban facendo nos tempos de Palau era tratar de conseguir que o noso entroido fose de interese autonómico para despois facelo unha festa de interese turístico nacional. Pero non é necesario gastar moitos cartos, basta con iniciativas sinxelas, como facer un carnaval para os rapaces nos institutos e que podan participar como comparsas, porque ese é o futuro. Ou disfrazar aos monumentos, algo que non é complicado e que seguro que sairía en todos os telediarios.

-Hai outros entroidos en Galicia que gozan de distincións especiais.

-É que os peliqueiros tiveron moita promoción e axuda no seu momento e conseguiron recuperar ese entroido e espallalo. Por iso acoden miles de persoas de fora. Iso podería pasar na Coruña. Temos unha festa diferente, nunca peor, e podo dicir que é especialmente divertido.

-Tamén queren recuperar os apropósitos.

-Outra cousa que non había en ningún outro lugar de Galicia, que na última etapa os facía Antón de Santiago e que tivo algún problema co Concello e deixouse de facer. Pois é unha mágoa, porque ese teatro de crítica a todos os estamentos era unha cousa moi nosa e se perdeu. Hai que recuperalo. E temos tamén a un historiador como Xosé Alfeirán que xa ten feito o primeiro e o segundo libro sobre o entroido coruñés e agora está traballando no terceiro. Pois haberá que darlle apoio desde as institucións para que poida facelo. Son cousas que levan moi poucos cartos. O único é que hai que traballar un pouco máis, iso si.

-Menos mal que choqueiros non faltan.

-Pois cada vez hai menos. Por unha banda van faltando os choqueiros clásicos, os veteranos de toda a vida. Pero é que tampouco hai relevo. Hai que crear tradición, que vaia de pais a fillos.

-E as comparsas?

-Actualmente hai na cidade oito ou nove. E baixo o meu punto de vista melloraron moitísimo, aínda que pódese mellorar máis. Nos este ano contamos con 63 persoas, Pantaleón leva máis de oitenta, os Kilomberos 40 ou así... Temos xente. Normal, é que se pasa moi ben.

Ser choqueiro. Romualdo defende a mensaxe que hai detrás do choqueiro, máis aló da festa: «A cousa ten a súa historia. É o disfraz dos pobres. Os que tiñan diñeiro ían ás mascaritas das sociedades, pero os que só tiñan catro trapos botábanlle imaxinación e saían a divertirse», explica.

«Querémoslle dedicar a Cantero un recuncho na praza de España»

Romualdo Irixoa é membro da comparsa Os Maracos dende a súa orixe aló polo ano 1983.

-Cómo naceron Os Maracos?

-Foi no local do Partido Comunista de Galicia. Dicíase que os comunistas éramos unha xente moi seria, que non sabíamos divertirnos. Así que quixemos demostrarlle a xente que éramos capaces de divertirnos e tamén de divertirlles a eles. E pouco a pouco foise sumando xente ata que houbo anos que superamos as cen persoas.

-Este ano o entroido ten unha falta notoria, a de Fernando Amaro, Cantero.

-¡Cómo íamos a esquecernos de Fernando! De feito este ano queríamos facer un recuncho do carnaval na praza de España cun recordo para Fernando, ao que despois se lle irían sumando os nomes de outros que defenderon o noso carnaval como fixo el. Ao final non deu tempo, pero esperamos que o ano que ven poidamos inauguralo. Era un home que levaba o carnaval moi interiorizado, o vivía moitísimo e o defendía con uñas e dentes. E quen máis está notando a súa falta son os do propio Concello, onde é traballaba. Andaban un pouco perdidos este ano precisamente porque Fernando ocupábase de todo. Así que tiveron que facer un esforzo para poñerse ao día.

-Polo demais, todo listo para o martes choqueiro?

-Todo listo e preparado. Pero espero que estes días teñan un pouco máis de manga ancha, porque o sábado do concurso de comparsas estábamos fronte á Bombilla tocando e veu a policía a identificarnos. De todos os modos quero pedirlle aos veciños desculpas por se lles molestamos, pero tamén pedirlles un pouco de comprensión, que isto e solo unha vez ao ano. Que teñan un pouco de paciencia con nós.