O barrio do monte da Arrabiada

O topónimo orixinal do Gurugú está relacionado coas pendentes e correntes dos seus regatos


A CORUÑA

Un dos nomes antigos coruñeses é Arrabiada. Aparece documentado nos rexistros de propiedade, nas licencias de obras e na prensa do século XIX como uns montes, os montes da Arrabiada, e tamén como un lugar, o lugar da Arrabiada. Analizando esas referencias podemos precisar que esa denominación serve para designar o terreo montuoso delimitado, aproximadamente, na súa parte baixa pola actual rúa de Juan Flórez, e os seus laterais polas empinadas subidas da Costa da Unión e de Pla y Cancela, seguidas da forte baixada da rolda de Nelle, continuando por Castiñeiras ata enlazar con Juan Flórez. Toda a zona está hoxe moi alterada.

Situado (inicialmente) nas aforas da cidade, na súa parte baixa, en Santa Lucía, aglomerábanse vivendas de mariñeiros, mentres que as terras altas estaban ocupadas por leiras e cultivos e apenas había casas dispersas. A comezos do século XX acelerouse o seu proceso de urbanización, remontando polas rúas da Falperra, do Monte e do Pozo, e edificándose na parte alta numerosas casas modestas para obreiros, proceso no que destacou o construtor Juan Castro Mosquera. Froito do seu labor foi a apertura de novas vías. Unha das primeiras recibiu tamén o nome de Arrabiada que sería cambiado en 1908 polo de Sinforiano López; máis tarde, en 1912, o concello, a petición dos veciños, deulle a outra o nome de dito construtor.

Ademais, despois da guerra de 1909 contra os mouros, a veciñanza de Santa Lucía empezou, con retranca, a chamar El Gurugú, o monte que domina Melilla e principal foco desa guerra, á zona onde se alzaban esas novas casas, xusto na beira do monte na súa caída cara a Juan Flórez. O nome popularizouse e serviu para denominar durante moito tempo ao novo e nacente barrio. Hoxe aínda se emprega.

E que pode significar o topónimo Arrabiada? En 1922, o erudito e escritor coruñés Uxío Carré Aldao defendeu, na obra Geografía General del Reino de Galicia, que dita palabra estaba deturpada e que orixinariamente debía ser A Rabiada. Segundo a súa opinión viría de rabí, ou rabino, porque nese lugar viviron os xudeus nos séculos medievais. Apoiaba o seu razoamento en que na zona próxima da Palloza desembocaba o rego dos xudeus e había unha pena ou illa dos xudeus que indicaba o lugar onde se enterraban. Desde entón dita idea repítese, pero non ten ningunha base nin histórica, nin filolóxica. É un erro.

As probas documentais (aportadas polas historiadoras Dolores Barral e María Gloria de Antonio Rubio) amosan que a xudería coruñesa estivo situada entre a Porta de Aires e a rúa Sinagoga, e os estudos etimolóxicos (dos filólogos Menéndez Pidal e Joseph María Piel) apuntan que dita palabra está emparentada coa latina rapida, empregada para designar unha corrente rápida de auga e unha forte pendente do leito dun río; dela derivan os topónimos La Rabia (Santander), Rabias (Asturias), Rabia e Arrabia (Portugal) e Fuenterrabía. Así pois a Arrabiada fálanos da forte pendente dun monte pola que escorrentaban rapidamente os regatos. É duro subir a Arrabiada-Gurugú.

Historias con historia

Non ten base nin histórica nin filolóxica que o nome proceda da palabra rabino

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

O barrio do monte da Arrabiada