Salvador Naya: «Somos o centro de investigación de I+D de moitas empresas»

Mila Méndez Otero
m. méndez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

naya.«Cando o proxecto que quere realizar unha empresa ten unha connotación de innovación e investigación, moitas acoden aos nosos laboratorios», di Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica da UDC
«Cando o proxecto que quere realizar unha empresa ten unha connotación de innovación e investigación, moitas acoden aos nosos laboratorios», di Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica da UDC PEDRO MACEIRA

O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC defende a potencialidade dos centros de investigación da universidade

28 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A personalidade da UDC está marcada polas titulacións nas que sobresae. Os centros de investigación son a súa extensión.

-Que son para a UDC os centros de investigación?

-Somos o centro de investigación de I+D de moitas empresas que, ou ben non teñen un laboratorio ou si contan con un pero non das dimensións dos que dispoñemos nós, por exemplo, o Citeec. O mesmo acontece cos equipos humanos. Temos investigadores de alto nivel que aportan un valor engadido.

-Aspiran a que sexan, como o Citic, todos centros singulares?

-É o seguinte paso, ao que imos optar na próxima convocatoria da Xunta, posiblemente en setembro ou outubro do 2020. Presentaremos a candidaturas.

-Por que é tan importante?

-Por un lado, polo financiamento. Pasaríase de recibir uns 300.000 euros ao ano a 500.000, os que está a percibir o Citic. Tamén se poderían ter máis investigadores. Mentres o Citic ten 300, o Citeec está nos 135. Ademais, tamén se poderían acceder a máis colaboracións e proxectos a nivel europeo ou internacional. Galicia é pequena para competir externamente se non é así.

-E compiten entre si os centros, como pasa coas universidades?

-Trátase de explotar as especialidades das facultades e, a partir diso, potenciar cada centro. O Citeec en enxeñaría civil, o Citic en informática e intelixencia artificial e o Cica en biomedicina e química. Cada un reflexa o que é esta universidade en investigación.

-O financiamento segue a ser o talón de Aquiles?

-A investigación precisa ter infraestruturas axeitadas para poder facer experimentos coma os que vemos aquí. E capital humano. É un problema que lle afecta a todas as universidades de España.