Dulce Pontes: «En Galicia síntome na casa»

Toni Silva A CORUÑA

A CORUÑA

CESAR QUIAN

La artista portuguesa interpreta mañá no Pazo da Ópera «Peregrinaçao», disco que recolle 30 anos de carreira

07 jun 2019 . Actualizado a las 18:56 h.

Antes de que Portugal estivese de moda, Dulce Pontes e Madredeus puxérona no mapa, musicalmente falando. Dulce, con medio século de vida e a mesma imaxe de xuventude, fai parada mañá na Coruña onde interpretará as cancións do seu traballo Peregrinaçao, unha escolma para celebrar os 30 anos de carreira que comezaron cantando no Casino de Estoril. O concerto será ás 21.00 horas no Pazo da Ópera, con entradas desde 25 euros. Falamos con ela por teléfono.

-Escóitote moi lonxe.

-Estou en España. E vostede, en Lisboa?

-Non, en Bragança, vivo en Bragança.

-O seu disco chámase «Peregrinaçao» para celebrar os 30 anos de carreira musical, pero tamén podería celebrar 50 anos de vida de Dulce Pontes.

-Oh, viches como o tempo pasa? Non, isto é para pasalo ben todos, unidos a través da música.

-Ten moita vinculación con Galicia ademais de por vires moito, traballou con artistas como Uxía Senlle, Carlos Núñez…

-Teño unha unión moi grande con Galicia, síntome na casa. Con Carlos falo bastante, convidoume a un concerto na catedral de Santiago. Foi moi bonito, a pesar de que me caeu un pingo de chuvia [ri]. Creamos lazos.

-Agora co fenómeno de Rosalía, que moderniza a rumba e o flamenco, lembreime das críticas que recibiu vostede cando apareceu cun fado moderno, como se traizoara a esencia do fado.

-Rosalía? Como a poeta? Xa me falaron dela, pero aínda non vin o seu traballo. Pode haber un paralelismo. Quizais arrisquei máis, pero cada un segue o seu camiño. O fado non se vía no ámbito pop, sen guitarra portuguesa. Pero xa ves. É cuestión de tempo.

-Portugal está de moda pero Dulce Pontes chegou antes.

-Si, e tamén Madredeus. E primeiro Amalia, claro, ninguén a superará.

-Se «Peregrinaçao» celebra os seus 50 anos, cómo se chamará o disco co que celebre os 75 ou os 100?

-Ai, se chego alá o que farei será traballar na miña horta, que cos concertos a teño desatendida e mórreme todo.