Muller e tendencias musicais

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

A cantante galega de pai neoiorquino Marem Ladson
A cantante galega de pai neoiorquino Marem Ladson MIGUEL VILLAR

Afundación concita en Acreativa artistas como ALA.NI, Soleá Morente, Carmen Boza, Marem Ladson ou Javiera Mena

26 sep 2018 . Actualizado a las 11:22 h.

Unha cápsula de experiencias de creación. Así presenta Afundación o seu proxecto Acreativa, que enfronta este ano a súa segunda edición cunha proposta que conxuga música e viño, cata e concerto, nun dous seus apartados. A idea orixe da Obra Social de Abanca persegue un obxectivo fundamental, o de mostrar as novas tendencias e vangardas culturais a través de diferentes accións de carácter heterodoxo. Desta volta a música será o fío condutor en canto que, consideran os organizadores, ten «unha ampla capacidade para ramificarse e influenciar noutras escenas». Nese sentido, o certame explorará o lugar da muller e o seu papel na industria musical. Tanto é así que terán un espazo relevante nesta cita, xa que o 80 % das actividades que se desenvolverán estarán protagonizadas por artistas femininas. Pararán pola sede da Afundación na Coruña, entre outras, Soleá Morente, ALA.NI, Madison McFerrin -filla do mítico vocalista de jazz Bobby McFerrin-, Javiera Mena, Carmen Boza ou Marem Ladson, nomes destacados da escena alternativa no panorama nacional e internacional.

O festival comprende tres apartados: Acreativa Talks, onde as entrevistas, charlas e mesas redondas se funden coa música en directo; Acreativa Live, un espazo para presentacións e actuacións musicais que reflictan as tendencias actuais; e Acreativa Screen, punto de encontro entre música e audiovisual.

En consonancia coa preocupación polo rol feminino, o programa do certame comezará o vindeiro 17 de outubro co primeiro encontro en Galicia da Asociación MIM (Mujeres de la Industria de la Música), e prolongarase ata o 20 de novembro co recital da cantante londiniense afincada en París ALA.NI, filla de inmigrantes da illa caribeña de Granada -o seu tío avó era Leslie Hutchinson, unha estrela mundial do cabaré dos anos 20 e 30 do pasado século, o que quizais lle dá ese gusto polos matices da teatralidade-.

Javiera Mena, Carmen Boza e Marem Ladson, xente de peso no ámbito independente, presentarán os seus novos traballos en exclusiva dentro de Acreativa. As tres artistas protagonizarán a sección Maridaxes, formato de cata-encontro dirixido pola catadora galega Cristina V. Miranda, coa colaboración das adegas González Byass, Pernod Ricard e Martín Códax. Cada unha ofrecerá un concerto coa banda completa -as catas comezarán no corredor ás 20.30 horas, e os concertos ás 22 horas no auditorio; as entradas xa se poden adquirir na web Ataquilla.com-.

Boza actuará o 18 de outubro. A gaditana, tras a saída de La caja negra, está considerada pola crítica especializada como «un portento da guitarra, de carácter irresistible, que transmite de maneira contundente nun álbum copado de riffs e melodías que che capturan e que dan soporte a textos escuros e introspectivos, onde o oínte atento é testemuña do tránsito da artista millenial polas complexidades da vida actual».

Talento ourensán

O 19 de outubro tócalle á ourensá Ladson, que presentará o seu primeiro disco no marco de Acreativa Live. Considerada como a rookie do ano, de pai neoiorquino, a galega de só 19 anos está en todas as quinielas para facerse co distintivo dun dos discos do 2019. «Nada na vida de Ladson resulta moi normal -asegura quen a coñece-. O seu precoz talento, a súa seguridade sobre o escenario, a madurez coa que controla cada aspecto da súa carreira sorprenden inmediatamente. Esa promesa faise realidade no seu álbum de debut homónimo. Composto por once cancións entre o pop, o rock e o folk, soa inquieto, ambicioso, especial. Temas que falan de autoafirmación, do paso á vida adulta e de ser unha muller adolescente. Estamos ante un diamante en bruto e, por tanto, ante unha oportunidade única de ver como se púe».

A última convidada de Maridaxes, a chilena Javiera Mena, actuará o 20 de outubro.