Xiao Varela: «O concurso de compra de vivenda foi un fracaso»

Eduardo Eiroa Millares
Eduardo Eiroa A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

MARCOS MIGUEZ

O concelleiro de Rexeneración Urbana asegura que nunca houbo inxerencias políticas no proceso e entende que o erro foi dos funcionarios

15 sep 2018 . Actualizado a las 10:25 h.

O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, foi o responsable de poñer en marcha o concurso de vivenda. A oposición pide a súa cabeza polo fiasco no proceso, pero Varela insiste en que se trata dun erro dos funcionarios. Desde que se coñeceron os ditames do Consello Consultivo el foi a única cara visible do goberno local para dar explicacións sobre o acontecido.

 -Por que se insistiu durante meses en que todo estaba ben cando a oposición estaba a sinalar os erros?

-Non negamos durante meses nin tiñamos indicios cando a polémica comezou. No momento en que empezamos a verificar que así era, sempre o recoñecemos. O que non queriamos de inicio era poñer na picota aos funcionarios. É patente que houbo erros, pero foron no procedemento, e os funcionarios traballan nun ámbito de presión e cunha ausencia de recursos importante.

-Vostedes so recoñeceron erros nun piso. Por que non admitiron o resto?

-Non se consideraron esenciais, pero en calquera caso se decidiu ir ao Consultivo con todas as consecuencias.

-O Consultivo tamén critica que se fixeran informes a posteriori para darlle encaixe aos incumprimentos. Non hai responsabilidades que asumir por eses informes?

-Os funcionarios actuaron, e así o dixeron por escrito, con total independencia. Non houbo ningún tipo de inxerencia política. É certo que nun intento de defender o interese municipal a asesoría xurídica o que fixo foi interpretar, si había erros, que podían ser emendables.

-O Consultivo, analizando só o primeiro problema en cada caso, ve erros evidentes.

-Hai un erro principal, a ausencia de revisión técnica dos inmobles. No piso da rúa Santander había un oco á rúa cando tiña que ter dous, e no da Barrera. Pensamos que era emendable. A intención do concurso era positiva, aumentar o exiguo parque de vivenda municipal, de pouco máis de 400.

-As bases si obrigaban a ter un número de ventás. Persoas que viron a convocatoria e non cumprían, puideron non presentarse por iso.

-É certo, iso indica o Consultivo como un vicio esencial.

-Non hai unha responsabilidade política en que o plan municipal de vivenda deste mandato se reduza, finalmente, a compra dun único piso?

-As políticas máis difíciles de implementar son as de vivenda. Para a oposición segue a ser un ben de mercado e nós estamos tentando transformar ese modelo e conseguimos abrir unha liña de traballo, que loxicamente ten que mellorar, pero demostramos que é posible. En todo caso, independentemente de que estou apesarado e de que creo que foi un fracaso o concurso de compra de vivendas por este erro que se cometeu, estou moi satisfeito coas políticas da área no que ten que ver co urbanismo e co arranque das política de vivenda, que espero que dean froitos nun segundo mandato.

-Nos últimos decenios fixéronse na cidade vivendas de promoción pública, tanto pola Xunta como polo Concello. Por que non se actuou desa maneira para solucionar o crecente problema do aluguer?

-Optamos por este concurso precisamente para intervir sobre o edificado. Este concello xa consumiu unha grande porcentaxe do seu solo e ten un número de vivendas baleiras moi elevado.

-Hai funcionarios molestos porque so nese corpo se asumiran responsabilidades.

-Trasladeilles o meu respecto, o meu recoñecemento, e sendo conscientes de que, téndose cometido erros, non dubido en absoluto da súa honestidade nin da súa valía.

«Ninguén poderá demostrar, porque non foi así, que se actuara para favorecer a ninguén»

O Concello mercou seis pisos no seu plan de vivenda. Deles, dous á mesma persoa, Toni Lodeiro, asinante da Marea e consultor no Concello de Barcelona desde a chegada de Ada Colau.

-O PP afirma que lle mercaron dous pisos a un amigo.

-O PP está a tentar ensuciar todo o procedemento con razóns que son falsas. É verdade que houbo erros, pero ningunha das decisións que se tomaron tiveron nada que ver nin con persoas concretas nin houbo inxerencia política. O PP non ten crédito para vencellarnos a eles. Ninguén poderá demostrar, porque non sucedeu, que este goberno teña actuado neste proceso para favorecer a ninguén en concreto. Nin neste caso nin en calquera outro.

-É casualidade que o 33 % das compras do plan municipal de vivenda sexan a unha persoa do seu partido?

-Pois si, non é outra cousa que unha coincidencia, porque ademais se demostra que hai outros pisos que adoecen deses mesmos erros. Estamos a elevar ao Consultivo outros tres de persoas completamente distintas. Non sei cal é a militancia destas persoas, como tampouco revisei cal era a dos anteriores.

-Os veciños da rúa Joaquín Martín Martínez quéixanse de que desde que mercaron o edificio non pagan a comunidade nin a derrama do ascensor. Van solucionar iso?

-Coincidindo co Consultivo en que a compra é nula, estamos a coidar moito os pasos a dar e os próximos serán co asesoramento dos servizos xurídicos. En calquera caso, o piso xemelgo do que resultou nulo foi legalizado pola anterior corporación.

-O Consultivo di que irregularidades previas non xustifican outras novas. Van revisar o resto dos pisos dese edificio?

-Non me vou adiantar, pero demostra que a xestión urbanística pasada foi deficiente.