«Co disco "A-la-láa" atopei un filón»

A CORUÑA

Eutropio Rodriguez

O Colón acolle hoxe a presentación do novo proxecto jazzístico do saxofonista Pablo Castaño, no que participa a cantante Ugia Pedreira

02 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Castaño (Padrón, 1976) fai no disco A-la-láa unha incursión aos cantos libres da música tradicional galega partindo do jazz. Foi un traballo que gravou xunto ao pianista Yago Vázquez, o batería Iago Fernández, o contrabaixista Demian Cabaud e a cantante Ugia Pedreira, parte da banda que o acompañará a este saxofonista hoxe no concerto presentación, as 20.00 horas, no Teatro Colón.

-Non cre que o título pode levar a engano?

-Pode parecer un disco de música tradicional, pero é de jazz, aínda que teña esas influencias.

-Que tal conxugan ambos?

-Ben, o jazz, aínda que máis evolucionado e con moitas polas, en orixe é tradicional. As dúas músicas teñen un compoñente fortemente rítmico e máis nas pezas que me inspirei, os alalás, que teñen a liberdade de interpretarse e como o jazz tamén ten un compoñente de improvisación grandísimo, lévanse xenial.

-Como decidiu ese empate?

-Musicalmente crieime nas bandas de música e tocan repertorio galego, e dende neno estiven exposto a grupos como Milladoiro. Os de aCentral Folque decatáronse que tiña varias pezas para facer un disco dese estilo, animáronme a investigar, a facer un monográfico sobre os alalás e propuxéronme a colaboración de Ugía Pedreira. A idea pareceume boa e estou moi contento co resultado.

-Como define o disco?

-Non me gusta etiquetar a miña música nin a de ninguén, pero básicamente é un disco de jazz cunha óptica moi galega.

-Seguirá por esa liña?

-Eu teño como 20 discos gravados e nunca como líder, este é o primeiro, e se ben é certo que non tiña pensado abrir ningunha liña aCentral enfocoume cara unhas recollidas, escoitei un material moi interesante e quedáronme cousas que me gustaría retomar. Quería seguir cos alalás, cos cantos de camiño, de xeitura e cantos libres. Atopei un filón e se cadra sigo nesa liña algún ano máis.

-Hai espazo para o jazz en Galicia?

-Aquí o crecemento da escea do jazz é espectacular, hai moi bos músicos, moi preparados, que foron fóra, que tocan internacionalmente, e hai moitos festivais. Nuns anos houbo un crescendo.