Unha caixa da a benvida aos nenos para que teñan apego á lingua

Que o galego sexa o idioma inicial é un dos obxectivos que se marca o novo programa ao que se adhire o Concello de Sada e que busca crear comunidade para as familias con nenos ata seis anos que queiran manter este patrimonio oral

.

Unha caixa para o primeiro ano de vida, iso é o que se ofrece, dende agora, as familias que queiran apostar polo galego en Sada. O Concello adheriuse o programa Apego, que busca fomentar e mellorar a súa transmisión como lingua inicial e como agasallo de benvida as familias que se sumen ofréceselles, tanto as mulleres que xa están embarazadas como as familias que teñan crianzas de menos dun ano, un paquete que contén unha manta-polbiño, símbolo do programa; un álbum onde recoller as primeiras experiencias; un adhesivo para o coche (co lema «sentidiño, hai peques»), unha xirafa-medidor para seguir as medras e un libro con consellos de transmisión lingüística e de crianza, para facilitar este labor.

 

O programa ofrece recursos para nenos ata seis anos, dos que no concello están contabilizados 899, e 98 teñen menos dun ano, e para os maiores ofrece un cedé con música galega, que serve para que amplíen de maneira lúdica o seu vocabulario. Apego tamén irá acompañado de actividades, ao longo do ano, para crear comunidade, o que permitirá ás persoas interesadas en este tipo de propostas ter puntos de reunión e socializar en galego. A primeira, cun bo número de cativos, foi un concerto-obradoiro, baixo o nome Son Xogos, Xogos Sons, que impartiron Pablo Díaz e Olga Kirk, que serán os encargados tamén da actividade de novembro, que irá destinada a pequenos de 0 a 3 anos.

Desde o Concello queren aproveitar o crecemento da natalidade, que relacionan co asentamento de parellas novas, para ofrecer este tipo de propostas coas para afianzar o idioma nos primeiros anos dos cativos e que esta transmisión no se perda cara as novas xeracións. Esta iniciativa, de carácter gratuíto, busca que as familias se involucren e transmitan de maneira natural o idioma aos nenos como unha herdanza máis cara o seu futuro e como sinal de identidade.

As familias sadenses que queiran inscribirse no Apego deben dirixirse ao servizo municipal de Normalización Lingüística, situado na planta baixa do consistorio, para solicitar cita coa técnica, que lles explicará en que consiste Apego, as actividades que se van a realizar en Sada por se queren sumarse e entregaralles o agasallo de benvida. O que se busca é crear un compromiso para que as familias vaian compartindo experiencias da man do programa.

Sada súmase agora a unha proposta na que na bisbarra xa estaban inmersos Oleiros e A Coruña e na que participan tamén os concellos de Ames, Carballo, Carballiño, Carnota, Cee, Ferrol, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Nigrán, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vimianzo. Este proxecto colectivo partiu da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística e desenvólvese, de xeito cooperativo, entre os servizos de normalización dos concellos adheridos.

 

Ferramentas

Os seus creadores aseguran que o obxectivo é «traballar no contexto familiar e social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida (0 a 6) para achegarlle argumentos e facilitarlle ferramentas e redes que sosteñan e arroupen a crianza en galego. Apego é empatía, vínculo, comunidade… Apego é apoio para a responsabilidade de construír o futuro desde a raíces e a lingua propia». Ademais, remarcan que é un espazo aberto a calquera iniciativa que contribúa a conseguir os fins para os que foi creado que é manter a lingua cara o futuro. Máis alá dos agasallos, o programa tamén pon na Rede outros recursos (apego.gal) como propostas de nomes, arrolos, xogos, modelos de convite e consellos para despexar algunhas das dúbidas que veñen ao ampliar a familia.

Votación
4 votos
Comentarios

Unha caixa da a benvida aos nenos para que teñan apego á lingua