Estudantes, participación e goberno

Julio Abalde REITOR DA UDC

A CORUÑA

22 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Existe a crenza xeneralizada de que os estudantes non participan na vida das universidades, como se di «pasan» da toma de decisións. Nada máis lonxe da realidade. Nas pasadas eleccións ao reitorado, a participación do estudantado foi superior ao 26 %, o triplo da participación noutras universidades. Os estudantes participan, pero quéreno facer en primeira persoa, queren opinar e ser escoitados directamente polos responsables académicos, queren ser os seus propios representantes e reclaman que os responsables rendan contas directamente de forma responsable, participativa e transparente.

A Universidade da Coruña debe ser un exemplo e un impulso de cambio cara a estas novas formas de participación. Como institución pública, temos o compromiso de nos dotar das ferramentas que a comunidade reclama para conseguir melloras na xestión, na participación no goberno e para incrementar a transparencia e, con ela, a nosa confianza en nos mesmos.

A xeneralización do acceso a Internet, a aparición das redes sociais e os sistemas de información, practicamente en tempo real, aceleraron estes cambios. O goberno da UDC está empeñado en impulsar novas formas de información e participación para que todos e todas poidamos ser partícipes na toma de decisións, para o que é imprescindible manter canles de comunicación eficientes, áxiles e directas, polo que debemos procuramos ferramentas que permitan a participación activa e individual de cada un dos membros da comunidades universitaria no proceso de debate e na toma de decisións dos asuntos do seu interese.

A recente posta en marcha da aplicación UDC móbil compleméntase coa nova plataforma de participación UDCdecide (udcdecide.udc.gal) en que os membros da comunidade da UDC poderán promover debates e propostas ao goberno da UDC ou dos centros.

O diálogo e a participación son práctica cotiá na UDC. Nos próximos anos temos que conseguir que toda a comunidade universitaria, estudantado, profesorado e persoal de administración e servizos, se implique na toma de decisións do goberno da universidade para nos sentir orgullosos todos, profesorado, estudantado e persoal de administración e servizos de formar parte da Universidade da Coruña.