Acaba de recompilar nun libro numerosas historias anónimas do concello. Este venres o presenta no mesón As Viandas de Pastoriza ás 21.30 horas
15 jun 2017 . Actualizado a las 17:22 h.Se Xabier Maceiras (Arteixo, 1970) non fose escritor sería arqueólogo polo gusto que ten de cavar e cavar e seguir cavando e afondando no territorio. E, se o deixaran, cavaría ata o centro da Terra pero iso si: partindo dende o seu Arteixo natal. A iso dedica moita parte do seu tempo, a indagar na historia do seu concello, a recuperar historias antes de que o adeus dos seus protagonistas as calen para sempre. E despois as ordena en forma de libro. Acaba de publicar Crónicas de Arteixo, un traballo avanzado previamente no seu popular blog. Non pode escoller mellor prologuista: o xornalista arteixán Antón Castro, afincado en Zaragoza.
-Canto hai de operación de rescate da memoria social nesta obra?
-En realidade é un paseo ao Arteixo de antano, estas crónicas son un exercicio de memoria pero tamén son un arado que pretende abrir un camiño ao pasado. Todo libro é ese exercicio ao pasado. Cada unha das nosas historias é un mundo que vexo fascinante, e penso que todos o temos que coñecer.
-Houbo resistencia por parte dos protagonistas a recuperar publicamente as súas historias?
-Non, ao revés. En moitos casos algúns protagonistas me derivaron a outras historias. Tiven a axuda de moitos.
-Ten algunha favorita?
-Ilusión fanme todas. Nalgún caso fun medrando con elas, como o caso de Antón Pan, tataravó da miña avoa, que naceu na casa de Manuel Murguía e do que foi padriño. Tamén a unha das primeiras taxistas galegas: ver unha muller ao volante dun taxi era todo un acontecemento, a Viñana lle chamaban.
-Quedan moitas fóra?
-Bueno, ti pensa que aquí foi unha escolla das crónicas que publiquei no primeiro ano do blog, que se creou en setembro do 2014, 38 historias. Quixen ser xeneroso con todas as parroquias, mínimo unha historia por cada parroquia, obviamente a do núcleo urbano é a que máis acumula. O título tamén podería ser Crónicas da Coruña, porque das 38 a metade son da Coruña, como a relación de Estrella Galicia con Uxes.
-Ten a sensación de que se non é por vostede algunha riqueza cultural quedaría no esquecemento?
-Falar de min non me gusta. Divírtome no contacto coa xente maior. Desde que empecei a traballar no blog houbo algúns protagonistas que xa se foron, como Adolfo Vázquez, que faleceu agora. Tamén Amelia Naya, que morreu recentemente.
-Para cando o documental sobre os expropiados de Sabón?
-Farei todo o posible por rematalo este ano. Ou a principios do que vén. Quédanos un día ou dous de gravación que faremos neste mes de xuño. Editalo levará un tempo, un labor do que se encarga Xosé Antón Bocixa, quen xa fixera un documental sobre as expropiacións de Cerceda (A ceo aberto). É fillo de expropiados das Encrobas, e eu neto de expropiados de Sabón. O título será Doce leiras, é o número das que lle expropiaron aos meus avós.
-Cal é o punto distintivo de Arteixo e os seus veciños?
-O nacemento de Crónicas de Arteixo é para dicir que Arteixo é máis que Inditex. Eu quero situar Arteixo no mundo coas historias de Arteixo. Cada 15 ou 20 días gústame ver as visitas que teño do resto do planeta. O ano pasado fixen a miña pequena homenaxe ás vítimas do fascismo. E á seguinte semana, 2.000 visitas dende Rusia. A min un tema que me apaixona é a emigración. Tamén cando falas de fútbol o blog sube as visitas.
-Como valora un nostálxico coma vostede o Arteixo de Inditex?
-Evidentemente da de comer a Arteixo. Unha vez tiven unha xuntanza cun responsable de comunicación da compañía e gustoume o xeito de actuar e a súa filosofía, eles son conscientes do lugar onde están situados, e inquedos de coñecer a toponimia e a historia do lugar, que non quero que se perda.
-Próximos proxectos?
-Rematar o documental de Sabón. Tamén estiven traballando co Concello de Carballo para editar Os contos mariños de Carballo, e sigo colaborando coa revista de fútbol O Dez.