Bieito Romero: «Nin os Stones fan o que nós»

A CORUÑA

Pinto & Chinto

Luar na Lubre, a banda da que é líder, celebra co disco XXX o seu 30 aniversario

08 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Falamos nunha cafetería de Arteixo á que Bieito Romero (A Coruña, 1964) coleta, perilla, pendente, chega apurado á cita. As cousas da promoción do disco co que Luar na Lubre celebra os seus trinta anos de vida.

-Por certo, que significa Luar na Lubre?

-Esa é a pregunta do millón.

-Xa lla fixeron un millón de veces, quere dicir.

-Si. Aínda que máis veces fóra de Galicia. Significa a luz da lúa no bosque sagrado onde os celtas facían os seus rituais.

-...

-Xa sei que soa raro, pero está recollido nos dicionarios.

-Ocorréuselle a vostede?

-Si. Un día revisando un dicionario de Franco Grande atopei a palabra lubre e pareceume moi potente. E fixen como os indios, que con dúas palabras fan un poema.

-É músico dende pequeno ou ten outra formación?

-Son «técnico especialista en instalaciones y líneas eléctricas». Ao menos foi o que estudei, aínda que nunca exercín. A música apareceu moi pronto. De feito penso que xa non me lembro do que estudei.

-Non me diga que si ten unha avaría eléctrica na casa ten que chamar a un técnico.

-Depende da avaría.

-É verdade que a súa primeira gaita era valenciana?

-Si. Era unha desas gaitas para colgar na parede. Cando a merquei tiña boa pinta, pero logo resultou que non. Aínda que as primeiras notas deinas naquela gaita. Eu era radioafeccionado, pero dos que fabricaban as súas radios. E vendín a miña radio para comprar aquela gaita e dous discos: un de Emilio Cao e outro de Gwendal.

-Trinta anos é moito tempo, non pensou nunca en cambiar de proxecto?

-O meu proxecto é este, e hai que alimentalo. Funcionamos ben e inventiva non nos falta. Somos doce persoas convivindo e sacamos un disco cada dous anos. Nin os Rolling Stones fan o que nós!

-Vese como Keith Richards, tocando con setenta anos?

-Tan zumbado non estou. Keith Richards é admirable polo que lle aguanta o corpo, pero non temos moito en común, máis alá de traballar cun pentagrama con notas.

-Cal é o concerto que recorda?

-Eu penso que o máis multitudinario que se deu en Galicia foi o de Mike Oldfield, os Corrs e nós na praia de Santa Cristina. Contábase con 20.000 persoas e foron 120.000. Lembro que nos tiñan montada unha festa flamenca para despois e Mike Oldfield dixo que non, que quería seguir tocando con nós. Quixemos ir á Cova Folk, pero non puidemos saír de Santa Cristina. Ao final tocamos nunha xaima privada. Para nos foi unha historia moi bonita. Eu disfrutei coma un anano.

-Xa sabe o que pasa cos fillos. Aos de dereitas sáenlle os fillos de Podemos, e viceversa. Non terá vostede fillos afeccionados ao reguetón?

-Non, non. Non comparten os mesmos gustos ca min, pero non están no reguetón. Meu fillo descubriu a música folk hai un ano e agora está empatadísimo. O importante é que teñan información e escollan o seu camiño.

-Vostede hai tempo que leva coleta, aínda que agora Pablo Iglesias púxoa de moda.

-A verdade é que dende que apareceu Pablo Iglesias vacílanme un pouco. Pero para min é moi cómodo.

-Ten que regalarlle un disco a un amigo. Entra nunha tenda e só quedan tres. Un de Melendi...

-Non, non.

-... Outro de Manu Carrasco...

-Non, non.

-... E outro de Maná.

-Para un amigo? Supoño que por proximidade, o de Maná.

-Como é a súa relación co móbil?

-Úsoo máis do que me gustaría. Fago un uso máis de traballo que de ocio. O WhatsApp? Claro, moito, aínda que penso que non abuso. Pero o uso que facemos é maior cada vez. Creo que seguirá medrando ata que haxa unha tormenta solar que acabe con todo. O máis dramático é o da xente nova e o colgue que ten co aparatiño.

-Cal é o mellor verán que recorda?

-Hummm. Seguramente os veráns da aldea, en Ourense, na miña infancia. Era como un viaxe na máquina do tempo. Había sons, cousas que xa non existen, que xa non poderei ensinar aos meus fillos.

-Unha canción para a playlist desta páxina.

-Life is a long song de Jethro Tull. A poder ser nunha versión sinfónica, aínda que váleme calquera versión.

-Que é o máis importante na vida?

-Vivila! E saber escoller todo iso que te rodea. A vida é moi curta e hai que saber vivila. Tamén é moi importante poder escoller o teu camiño. Por iso síntome moi afortunado.

Muy de cerca

Bieito Romero Líder de Luar na Lubre, que celebra co disco XXX o seu 30 aniversario