«Os galegos están presentes no teatro clásico... como criados»

La Voz

A CORUÑA

.

O dúo representa esta tarde no Teatro Colón a obra «Bobas & galegas», escrita e dirixida por Quico Cadaval

17 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira) viaxan ata o Século de Ouro da literatura española a través dun texto de Quico Cadaval. Onte tivemos a oportunidade de velos sobre o escenario do Teatro Colón, e hoxe repiten función ás 20.30 horas (entradas a 8 e 12 euros). Mosqueira da as claves da obra.

-¿Mofa e Befa facendo teatro clásico?

-Recitamos textos en verso de varios autores como Lope de Vega, Calderón, Quevedo... Textos do Século de Ouro. Pero é unha mestura. É unha peza que se vai interrompendo continuamente con intervencións nosas, recitados...

-¿Pero segue sendo Mofa e Befa? ¿Hai humor?

-Si, claro que é unha obra de humor. Desmontamos moitos tópicos sobre os galegos. Rimos de nós mesmos, coma sempre. É realmente divertida. E moi instrutiva tamén.

-O texto é de Cándido Pazó.

-Xurdiu para o Festival de Almagro, para a edición do 2014, que abrimos o festival. E gustou moito, a pesar do atrevemento. Nós estiveramos xa anos antes con Shakespeare para ignorantes.

-¿E qué ten que ver o teatro clásico cos galegos?

-No teatro clásico moitos dos criados son galegos. Así que sempre estivemos presentes nas obras clásicas, aínda que fose como criados.

-Mofa e Befa sodes a parella de feito máis duradeira dos escenarios galegos. ¿Canto tempo fai daquela curtametraxe, «A gran liquidación»?

-Iso é do ano 93, nada menos. E levábamos xuntos dende un ano antes, así que imos facer pronto o 25.º aniversario. Ímolo levando, polo de agora funciona.