Os Sobraos xa van para cinco anos

Dolores Vázquez BERGONDO

A CORUÑA

Son moi, pero que moi festeiros, reivindican os cantos de taberna como modo de expresión musical e supoñen un novo xeito en Bergondo de entender o folclore tradicional, que defenden en múltiples festexos por toda a bisbarra

05 may 2016 . Actualizado a las 17:50 h.

 

Os Sobraos están de celebración en maio e afeitos á festa non se lles ocorreu máis que montar dúas para celebralo. O 22 de maio do 2011 fundouse unha entidade que reúne a amantes da música tradicional galega e que medrou dende unha formación inicial de seis membros que pertencían a formación de San Xoán de Ouces e que ansiaban facer algo diferente as entidades folclóricas tradicionais.

 

«Gústanos ir de festa, o contacto coa xente, somos gaiteiros de furancho», resume a presidenta da A.C.D. Os Sobrados de Bergondo, Sonia Santiago Rodríguez, que, xunto ao seu home, xa militaba con anterioridade en Cántigas da Terra.

Os Sobraos botáronse a andar como grupo de música, pero en novembro do 2013 deron un novo paso e montaron as escolas, nas que actualmente contan cuns corenta alumnos, non só de Bergondo, para as clases de gaita, percusión, pandeireta, baile galego e guitarra, tendo como profesores a Miguel Ángel Roca Espido, Miguel Abad Tomé, Arón Ulloa Castro e Javier Castanaduy Martín. Son dúas seccións, a parte de formación e a do grupo, que intentan diferenciar e que traballan de xeito independente.

 

Unha ducia

Aínda que se Os Sobraos son coñecidos en toda a contorna, é polo grupo, que actualmente está integrado por doce membros, sendo a máis pequena unha cativa de sete anos e o máis lonxevo un integrante de 75. O seu é repertorio tradicional inclúe muiñeiras, xotas, pasodobres e algunhas rumbas, no que priman as pezas con letra, porque consideran que teñen máis tirón nas festas e animan aos asistentes a participar na troula.

Para os ocasións, léase alboradas ou procesións, contan cun cuarteto tradicional e son neses días os que os integrantes abandonan as camisetas violetas que os caracterizan para optar polo traxe tradicional, moito máis acaído.

Presumen do bo ambiente que transmiten e de levarse ben, polo que non perden oportunidade de xuntarse e o pasado Fin de Ano ata decidiron pasalo xuntos para entrar no 2016 ben acompañados.

De cara a celebración do seu quinto aniversario, o grupo prepara un pequeno libro que repasa a súa historia e evolución e no que agradecen ademais o traballo levado a cabo polos compañeiros que foron integrantes de Os Sobraos nestes anos.

 

Dúas citas

Como primeiro paso da celebración, o grupo pretende amenizar o sábado 21 de maio tres locais da zona: El Rancho Grande, restaurante Santa Marta e Casa Manolo, onde levarán a festa a todos os seus clientes.

Se esa primeira cita adiántase a un día a propia xornada do aniversario, a celebración máis grande retrásana ata o domingo 5 de xuño, onde volverán facer, como o ano pasado, unha nova edición de Cantos de Taberna. Non estarán sos. Acompáñannos desta outros grupos cos que lles une a amizade e que son da contorna. Así, participarán Alén Do Mar, de Bergondo; Asubío das Mariñas, de Santa Cruz; Cantares dos Pendellos, de Cambre; Cerna da Uz, de A Coruña, e No Cómbaro, de As Pontes.

A ruta será por un total de catorce locais e quen queira atopados deberá visitar Café-Bar Raxás, Café 1933, Jamonería Curtis, Bar Los Girasoles, Cafetería Os Condes, Club de Tenis A Pedralba, Mesón Gous, Café Monty, Parrillada San Isidro, Restaurante A Cabana, Cámping Mariñana, Bar Salorio, Bar Algo Más ou a Taberna de Lubre. Para quen non se poda sumar a celebración de pola mañá do día 5, a música continuará, a partir das cinco da tarde, na explanada do mosteiro de Bergondo cunha foliada aberta a quen queira participar.

Antes que de programasen estas últimas edicións dos cantos de taberna, Os Sobraos celebraban os seus aniversarios programando tamén foliadas, pero cren que esta é unha mellor maneira de recoñecer e agradecer o apoio que, no tempo que levan de andadura, conseguiron de hostaleiros e comerciantes locais e que lles permitiu desenrolar as distintas actividades que levan a cabo ao longo do ano.