Pablo Picasso di extravagancias. Con ese titular destacaba a revista Semana de Madrid unha nota sobre o Congreso da Paz en 1949, celebrado en París. Na imaxe que ilustraba a información, aparece o artista dialogando con Ángel Ortiz e Luis Seoane.
A breve nota péchase apuntando que a actitude dos que escoitan a Picasso parece divertida. «Picasso, seguramente, acaba de soltar unha das súas humoradas, semellantes ás dos cadros que lle deron fama a forza de xeniais extravagancias». Luis Seoane escribiu como a lenda negra que algúns críticos malintencionados colocaron sobre Goya, aquel home rudo, xordo e malhumorado, intentouse proxectar sobre Picasso anos máis tarde pola súa posición ideolóxica, supoñéndolle actitudes e opinións que non son as que publicamente sustenta coa súa obra.
O que sucedeu con Picasso é ademais unha evidencia máis de algo moi común na arte, o rexeitamento do novo. Pero tamén de algo que reivindicaba Luis Seoane á hora de achegarse á arte, a necesidade de inxenuidade, de pureza. Algo do que carecían os burócratas, os snobs, os que están de volta, os tristes. Seoane avogaba por un público descoñecido, clave no seu xeito de entender a arte. Así, fala de como un escritor norteamericano ao escribir sobre un cadro de Pablo Picasso exposto no Pavillón Español da Exposición Internacional de París dicía que o pintor malagueño soamente o podían entender os intelectuais e os campesiños.
Ese público, ao sentir de Luis Seoane, era inédito para o artista, limpo no seu ollar e sito nun estado de inocencia estética. Para Seoane así era o público labrego. Un público capaz de aceptar a Pablo Picasso moito antes que os aprendidos.
Luis Seoane reivindicaba o público da dúbida e o artista apegado á realidade. Picasso é para Luis Seoane o máis grande dos pintores do seu tempo. Polo que innova, pero tamén polo que garda de si mesmo, do seu contexto, das súas raíces. Todo iso advírtese na exposición El primer Picasso que estará aberta ata maio no Museo de Belas Artes. Unha cita necesaria e obrigada.