«Cos montes limpos sería un paraíso das setas»

La Voz

A CORUÑA

15 nov 2014 . Actualizado a las 19:37 h.

enrique Fernández Vázquez (Betanzos, 1967), veciño de Betanzos, é o precursor do interese pola micoloxía por parte da Sociedade Gastronómica, Cultural, Deportiva e Xuvenil Lar de Unta, unha entidade con 80 socios á que pertence.

-¿Canto anos levan facendo saídas a por setas na asociación?

-Dende o comezo da asociación, que naceu no 1999. Eu xa levaba indo ás setas moitos anos antes. Eu levo uns 25 anos, sempre me gustou andar polo monte e resultoume curioso. Nos principios dos noventa, cando empezou a haber cursiños nos concellos empecei a ir para coñecelas e despois, xa de maneira autodidacta, seguín para coñecer máis especies.

-¿Hai abundancia na bisbarra?

-Nesta temporada aínda non hai moita, porque a meteoroloxía non se deu, pero xa saímos e atopamos para facer unha boa cena con especies das boas. Na comarca de Betanzos, canto máis te vas lonxe da costa vas atopando máis boletus, fungos da muña, e especies de mellor clase. Na costa a zona está moi eucaliptizada e entón o que máis hai é cantarela, que é unha seta marabillosa. Pero se queres máis variedade hai que tirar cara ao interior. Nós soemos ir a Irixoa, aos altos de Cambás ou as fragas do Eume e cando queremos coller en abundancia para unha cea de socios tiramos cara aos montes de Sobrado e a zona de Friol. Sempre houbo abundancia e xa imos un pouco ao que queremos, a tipos determinados e sabemos onde podemos atopalas.

-¿Facedes cursos ou todos xa saben distinguilas?

-Ao comezo só sabía eu pero, ao longo do tempo, case todos os socios saben recoñecer a seta boa e os que se van incorporando, mesmos os nenos, van pouco a pouco aprendendo. Ademais, para eles é case un premio ou un xogo atopar algunhas, aínda que sempre revisamos que non haxa nada polo medio que poida facer dano.

-¿Cantas saídas facedes?

-Cando chega o outono aprovéitase as fins de semana.

-¿Hai moita afección?

-Cada vez hai máis, cando empecei a saír non atopabas a ninguén polo monte, máis alá dos cazadores, pero agora atopas moitos grupos de seteiros, cada vez máis.

-¿Pero non acabaran co recurso?

-Para nada, sempre acaban podrecendo. Ademais, un bo seteiro sempre trata de conservar, darlle corte e sempre respectar a que non vas coller. Isto é un complemento culinario, non se collen grandes cantidades. Recurso hai e se estivesen os montes limpos isto sería un paraíso das setas.

Henrique Fernández Vázquez

Experto en setas do Lar de Unta

Henrique Fernández Vázquez, da asociación Lar de Unta

[D. V.]

«Cada vez hai máis afección, agora hai moito seteiro»

H