A feira do libro cambiou a tendencia a baixa das que hai en Galicia, con un papel importante da literatura infantil
12 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.«Pero, ¿non se me nota na voz que estamos moi contentos?», bromeaba onte Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia. A entidade, que agrupa a máis de 200 librerías galegas, é a organizadora da feira do libro que durante dez días, ata o domingo pasado, tivo lugar en Méndez Núñez.
-¿Que balance fai da feira?
-Pois cambiou a tendencia. Estabamos baixando desde hai anos. Por iso se manterse era xa unha marabilla mellorar as ventas un cinco por cento foi un éxito total. Este cambio de tendencia é importantísimo. Ademais, houbo moitísima xente e quedou contento todo o mundo. É certo que o tempo non foi moi bo para ir a praia, pero tamén tivemos moitas actividades.
-¿Cantas?
-Pois máis de cen, con 50 firmas, 35 presentacións de libros e estiveron na feira unhas 150 persoas relevantes relacionadas co mundo do libro tales como escritores, ilustradores, editores e ata xente que fai autoedición e que tamén participaron. Ademais a carpa para musica infantil tamén funcionou moi ben e na outra, na carpa oficial, fixemos un esforzo moi importante. O que non conseguimos en outras feiras de Galicia estase conseguindo na da Coruña.
-¿Cantas organizan este ano?
-Once, das que sete entran no convenio que temos coa Xunta e as outras organizámolas desde a Federación. Esperemos que o que pasou na Coruña sexa contaxioso, porque o camiño é este. Houbo un tempo no que había moitos cartos para facer as feiras, pero agora hai algunha feira sae polo interese persoal dos que estamos na Federación de Libreiros que asumimos ese custe co compromiso de que en xaneiro se nos axude por parte dos concellos nos que a organizamos. A política mancha un pouco isto da cultura, que non é patrimonio de ningún partido e debería estar fóra diso da política.
-¿Cantas faltan por celebrar durante este ano?
-Só a de Monforte de Lemos.
-Na Coruña chamaba a atención a presenza de literatura infantil en case todas as casetas...
-O libro infantil é o que salva os mobles porque é o que nos axuda nas ventas. A xente compra libros para nenos e con iso compensa un pouco a baixada doutros xéneros. O que pasa e que estou vendo demasiadas librerías especializadas en literatura infantil e iso pode rebentar.... Hai que ser moi prudentes. Este é un mundo complicado e ten unha serie de picos. E fácil dicir que te especializas, pero poñer nunha vila unha librería especializada é complicado e logo o golpe que se vai producir pode ser moi forte.
Pilar Rodríguez Presidenta da Federación de Libreiros