O barrio universitario

Ignacio Ferreiro

A CORUÑA

Opasado ano o grupo municipal socialista presentou unha iniciativa de destinar a universitarios os pisos baleiros dos barrios da Sagrada Familia e os Mallos, algo máis de tres meses despois da presentación dunha alegación ao Pepri na que se plantexaba a reutilización de edificacións na zona do Orzán coma aloxamentos para alumnos e profesores universitarios. Aquela iniciativa, limitada xa á zona dos Mallos, volveuse a presentar hai poucas datas no Concello, promovida polas asociacións de veciños e comerciantes e por una asociación de estudantes vinculada ao partido socialista.

Aínda que as dúas propostas aparentemente gardan semellanza, son ben distintas. A primeira supón unha oportunidade de rexeneración e recualificación urbana dunha zona que precisa dunha actuación urxente e que reúne as condicións necesarias, mentres que a segunda parece responder á oportunidade de obter un rendemento partidista dunha iniciativa que no escenario económico actual podería ser ben recibida en calquera barrio, coma xeradora de ocupación e actividade, presentando coma actuación de revitalización urbana unha mera oportunidade de negocio.

O barrio dos Mallos ten pendente a reforma da estación para acoller o servizo do AVE, e este equipamento, propio e non trasladable, que pode ter un importante efecto dinamizador, debera ser a prioridade para quen pretenda a mellora da zona. Este é ademais un barrio vivo e con actividade, coma proban a cantidade de edificacións construídas nel inmediatamente antes da crise inmobiliaria, substituíndo as iniciais, os solares das que foron demolidas, e as que se baleiraron para seren substituídas, sen chegar a executarse as novas.

A existencia de edificacións en mal estado é resultado desta situación, e non supón unha necesidade de revitalización, nunha zona localizada nun distrito censal que conta cunha densidade demográfica máis de dúas veces e media superior á da zona na que se localiza o barrio do Orzán, e presenta indicadores demográficos moito máis favorables que os da zona histórica, na que os índices de envellecemento, sobreenvellecemento e recambio da poboación activa acadan os valores mais altos da cidade.