Montouto foi a capital da diversión da fin de semana grazas a La Flor
02 mar 2014 . Actualizado a las 06:00 h.Poucas veces un anuncio de radio foi tan popular. José Antonio, o dono de La Flor de Montouto, invitaba a ir cada fin de semana ao seu local co proposta de ser demandado se o usuario non se divertía. «Ven este sábado á Flor e se non te divirtes, ¡demándasmo!», frase que pechaba cunha mestura de berros e aturuxos alongando moito a vogal «u». La Flor de Montouto resistiu ate ven entrado o novo século. Agora, José Antonio Rico Beade (Abegondo, 1944) pasa a meirande parte das súas horas de xubilado en Ferrol, onde vive dende neno.
-¿As salas de festa reflicten unha época?
-Coido que si. Reflectiuse tamén no cambio das formas de diversión da poboación. As discotecas foron o noso maior inimigo, matáronnos. Impediron a renovación xeracional nas salas.
-¿Cando pegou un xiro a curva do negocio?
-No novo século xa se vía vir que as cousas ían a menos. No meu caso coincidiu coa miña xubilación e que os fillos e os sobriños non se querían facer cargo do negocio. A Flor inaugurouse no 1945 co meu pai e seus irmáns. Lembro que poñiamos todas as facilidades ao público, con autobuses dende Ferrol, A Coruña, Curtis... iso antes do bum dos coches.
-¿Cal foi a actuación máis especial en La Flor?
-No seu día Pedrito Fernández, un rapaz mexicano que causaba furor. Non se pode dicir a xente que había alí, o aforo multiplicouse. Lembro que o meu irmán na porta empurraba á xente para que fora entrando. Polo noso escenario pasaron Ángela Carrasco, Bibi Andersen? e nos bailes de entroido había premios de medio millón de pesetas.
-¿Calquera festa pasada foi??
-Mellor, para min mellor, sen dúbida.
-E contará mil anécdotas. ¿Qué é o que máis lembra?
-A miña actuación cada sábado no escenario coa orquestra que tocaba. Eu subía para anunciar a axenda do sábado seguinte. Era un momento moi esperado polo público. Eu traballaba na banca en Cedeira e un día chegaron alí uns clientes. Non sabían que tiña a sala, para eles eu era un banqueiro serio, incapaz de facer chistes, e cando me viron alí no escenario quedaron descolocados. Eu era un tipo moi dispar. Podía ser o máis serio e o máis raro, pero tamén extravagante e divertido.
-¿Imaxina naqueles anos o control tan estrito sobre o alcohol na condución?
-De feito os últimos anos aumentara moitísimo o consumo de refrescos e augas. A maioría da xente era responsable. As autoridades -isto non é un segredo-, situábanse preto das salas de festa. Era unha mestura entre o temor e a responsabilidade da xente. Notouse moito. Non se discuten esas normas de seguridade, pero o certo é que si nos fixeron dano.
-¿Algunha vez un cliente o demandou por non se divertir na sala?
-Si, unha demanda verbal que non chegou ao xulgado. Díxome que non o pasara ben. Vinlle a cara e era certo que non se divertía. A verdade, tampouco o tipo era moi agraciado...
José Antonio rico propietario de La Flor de Montouto