Himno

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

A CORUÑA

Agosto, dous. Cada día do presente mes habemos ter ocasión de escoitar, cantar, levantarnos, vibrar co himno de Nós, país dos galegos. Antonte rematou xullo e con el foi o Día de Galicia. Este ano tivo protagonismo especial na publicidade e miles de persoas, engaioladas pola frauta de Hamelín, acudiron a un anuncio pleno de emoción. Algo inusual, hai que dicilo, nas campañas institucionais. A miúdo resultan frías e distantes do corazón, que é o único ángulo imprescindible da existencia. Ignoran as institucións que o amor é quen move o mundo, e, por seren institucións, fan do institucional un monólogo denotativo, informativo, xelo. Este ano faláronnos, por fortuna, da Galicia que levamos na cabeza e no corazón. Que para chegar á cabeza hai que partir dese ángulo imprescindible que citei arriba. Os transeúntes deste recanto da contraportada dos xoves saben de que falo: esas pequenas cousas que nos fan mellores. Dos instantes que outorgan felicidade; instantes que, sumados un máis un, pintan de azul e branco o noso existir. Azul e branco, que son as cores de Galicia. Galicia ha de escribirse este agosto en cada mínima porción da terra nosa. Galicia con himno que has de cantar, ou escoitar, e sentirás que vai a música como unha bolboreta rabuñando cada poro dos adentros. Has de emocionarte. Saberás que son as emocións, e non as estatísticas, quen en realidade pintan de mazá os días. As emocións que precisamos como un rezo de boaventura: dicir amigo, familia, canción, abrazo. As emocións que nos constrúen como pobo con futuro: mencer de luz. Galicia, en agosto, é un himno. Un himno á alegría.