Así, sen querelo, calquera primeiro de decembro volven, revólvenme. Son acordes que toca Piazzola, desgarrado: amo los pájaros perdidos que vuelven desde el más allá... vuelven de nuevo los recuerdos. Así son os versos que me choven cando non chove, que me respiran. Penso que a vida é isto que nos pasa entre sombras e luces. Somos tan afortunados: sentimos. Pasaría a vida escribindo, así, sentimentos: porque todo o demais sobra. Tantas páxinas, miles, novelando. Tantos versos que non souberon pintar a melancolía. Tantos abrazos que quedaron sen abrazar. É esta columna un modo de encontrar o que busco, así: sentimentos. Se un deixa de sentir é un cadáver, con voz e ventre e ollos: pero cadáver. Se un deixa de sentir convértese en nada. Odio a nada: non sentir. Prefiro que chores, rías, deprimas, eleves, alegremente vivas, enfades, levantes o grito. Sentir é o verbo que nos deben aprender nas escolas, así. Hoxe escribe no encerado que te axuden a sentir. Que non te aburran con libros que divirten, e pouco máis. Que non enchan de números, cifras, teoremas, teorías, teoricotonterías, a túa ventá. Un de decembro, volven os paxaros perdidos. Véxome entre libros, sempre entre libros. A avoa peiteaba o cabelo fronte ao espello. Eu mordía o frío, as carapelas nos tellados, o xelo nas pozas e o recendo de Verín envolto en lavanda: tanto amor e tanto olvido. Son feliz recordando, así. Os paxaros perdidos. Procura no teu corazón eses paxaros, pero non consintas que te arranquen do presente. Recordar, ás veces, dóenos demasiado. Pero sentir é vencer. Nestes tempos críticos (insensibles) convén recordalo. Así.