Cifras, números, índices, primas, diferenciais, intereses, rescate, bonos, core capital, bancos e máis bancos... é a linguaxe dos novos tempos. Se a estes sintagmas engadimos libro dixital, Internet, Twitter, Facebook, iPad, iPhone e outros nomes de escaso imperativo estético, seremos capaces de perfilar o territorio do presente. Somos economía e comunicación. Economía na época en que máis xente morre de fame (nunca houbo tantos pobres no mundo) e comunicación na época máis individualista, solitaria: onanista. Resulta curioso que a era da comunicación adelgazase, ata o monosilabismo, a propia comunicación. Os foros, chats, redes sociais son lugares onde a palabra perde sentido para se converter en son denotativo, simplemente: nada. Toda connotación (toda metáfora) perdeu a batalla contra a frialdade actual: os seres/robot que habitan os países desenvolvidos. Digo, desculpen os fanáticos dos sistemas internéticos, que comunicarse por comunicarse carece de sentido. Aseguro que na era dixital importa máis o continente que o contido, que o ser humano cada vez é menos humano, que camiñamos cara a ningunha parte presos dunha ambición sen porqué, frenética. Algúns suplementos culturais de Madrid semellan crónicas económicas: non se fala da beleza, senón do número de exemplares vendidos ou das cantidades de públicos que acoden a este ou aquel museo. Venceron a economía e a dixitalización das masas. Perdeu, aínda que non o pareza, a carne e os ósos e os ollos e o corazón que cada xoves le esta columna. Perderon as emocións, os sentimentos. Só queda conformarse: gana lady Nada. (Posdata: non te resignes).