Asegura que o goberno local inventou un furado nas contas públicas para xustificar os recortes en servizos sociais
18 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, critica que o novo goberno local traslade a María Pita a política que executa na Xunta.
-¿Que balance fai destes cen días?
-O que o BNG anticipaba. O PP está a trasladar a nefasta xestión da Xunta ao Concello da Coruña. E sen reparos. Estamos ante un PP totalmente desacomplexado e en estado puro. Consinte os recortes educativos, sanitarios e sociais da Xunta e aplica os mesmos recortes no Concello, ponse do lado das grandes construtoras e sabe protexer aos fillos predilectos do franquismo.
-O PP denuncia un furado nas contas públicas e vostedes din que só é una escusa para aplicar recortes.
-É que é así: recortan en servizos sociais amparándose nun furado inventado nas contas públicas. O mesmo de sempre. Así fixo o PP na Xunta e así o quere facer no Concello, en prexuízo da cidadanía que máis necesita dos servizos públicos.
-Algúns temas pendentes como o do Parrote xa están encauzados. ¿Gústalles a solución?
-Está mal encauzado porque o procedente é unha modificación puntual do Plan Especial do Porto que estableza as condicións de ordenación e protección da muralla e suprima os usos comerciais. A solución ideada aféctalle gravemente á contorna visual do conxunto do Parrote-Solana-Castelo e só permite conservar unha mínima parte da muralla.
-¿Que medidas debería adoptar o goberno nos próximos meses?
-A crise require que adopte medidas para crear emprego e potenciar os servizos sociais públicos. Hai que potenciar o pequeno comercio, os polígonos, a Universidade e o Porto.