Gómez Cruz é vicepresidente dos verdes en Xenebra e nacido en Corme.
06 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.É complicado, e un pouco longo longo, contar a vida de Alfonso Gómez Cruz, nacido en Corme (Ponteceso) fai 50 anos. Economista, traballa de director adxunto do Conservatorio de Música, Danza e Teatro de Xenebra, a cidade suíza na que reside de xeito permanente dende 1974. E na que estivo a piques de ser concelleiro fai uns meses, cando se presentou ás eleccións municipais polo partido de Os Verdes, no que ocupa a vicepresidencia. Probablemente, a finais de mandato, obteña acta de edil pola renuncia de algún compañeiro, e tamén chegará á copresidencia da formación. Alfonso relata estas e outras cousas nun céntrico café xenebrino propiedade dun amigo tunecino que axudou a que trunfase a revolta neste país norteafricano. Cando marcha, vaise nunha bicicleta eléctrica (usa unha normal, habitualmente), para dar exemplo, aparcada na beira da estación de Cornavin, á que chegaron milleiros de emigrantes galegos durante décadas. El fíxoo por primeira vez cando tiña 3 anos, aínda que foi un camiño de ida e volta.
-¿Que significa ser verde, dende a súa posición?
-É pertencer a un movemento alternativo no que a prioridade non é a cantidade da produción, senón a calidade. É ter unha atención particular para salvar o medio ambiente e a enerxía, en primeiro lugar. Amosar solidariedade social cando os recursos son limitados e nacen as desigualdades, en segundo término, e tamén a solidariedade internacional.
-Na que vostede militou moitos anos, ¿non?
-Fun cooperante moito tempo. Estiven en Sudán, en Irán, en Georgia... Fun delegado da Cruz Vermella en Etiopía cando tiña 22 ou 23 anos. Esas son unhas vivencias que marcan.
-¿En que máis estivo?
-Traballei en auditorías bancarias, estiven en Nova York, fun director financeiro de escolas secundarias e agora estou no Conservatorio de Xenebra. Pasei por moitas asociacións e nalgunha aínda sigo: de asistencia a inmigrantes con traumatismos de guerras, de axuda a discapacitados, entidades ecoloxistas. Aos Verdes cheguei no 99, tras militar oito anos no Partido Socialista. Dentro de dous anos, seguramente me presentarei aos comicios cantonais. Hai outras eleccións antes, as federais, pero esas xa as descartei, porque cando un opta a algo necesita dedicarlle moito traballo, e con antelación suficiente.
-¿Como está agora Suíza? Moitos exemigrantes queren retornar e algúns xa o están facendo.
-Ten unha sorte incrible, sobre todo Xenebra. Está moi ben. A iso axuda que politicamente ten un sistema moi moderno e participativo, que lle permite que o pobo poida cambiar as leis fiscais ou a Constitución. E, dende o punto de vista económico, non hai crise. En Xenebra hai un alto desenvolvemento, un crecemento importante, dos maiores de Europa. Segue sendo un bo destino para emigrantes, pero agora fan falla sobre todo técnicos, enfermeiros... Hai moita xente nova que quere vir.
-¿E Galicia? ¿Observa transformacións nas súas visitas? [Este mes pasa aquí as súas vacacións].
-A Galicia véxoa sen cambios. E con dous elementos que me chaman moito a atención. Por unha banda, a enorme cantidade de pisos que hai á venda. Os carteis son abundantes vaias cara onde vaias... Temo que isto alcanzará una bola especulativa que non se soporta. O segundo aspecto chamativo é o do transporte. Aquí é ineficaz e escaso. Ao contrario, cada vez hai máis coches, a circulación faise máis complicada. A entrada da Coruña é tremenda, úsase o coche particular para todo. Isto vai en contra da evolución do mundo: as cidades teñen unha planificación de vivenda e reducen o vehículo particular en favor do público.
ALFONSO GÓMEZ CRUZ VICEPRESIDENTE DOS VERDES EN XENEBRA E NACIDO EN CORME
«Ser verde é ter unha atención particular ao medio ambiente e á enerxía»