Carril mantén que «o BNG non ten medo de falar con ninguén» se as urnas apoian o pacto co PSOE
24 jun 2010 . Actualizado a las 19:14 h.Xosé Manuel Carril é a nova cara do BNG na Coruña, o cabeza de cartel dos nacionalistas para as vindeiras eleccións municipais. Veciño de Monte Alto, foi membro da asemblea constituinte da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e fundador de Galiza Nova e dos Comités Abertos de Facultade na cidade. Profesor de Dereito da Universidade da Coruña, ocupou ata hai unhas semanas a súa secretaría xeral, cargo ao que renunciou para liderar a candidatura de Alternativa pola Unidade, referendada pola asemblea local fronte á de Sánchez Regueiro, da corrente tellista.
-¿Hai algunha posibilidade de que ao final se acaben integrando antes das eleccións históricos que ían na outra lista, como López Rico ou Margarida Vázquez?
-Esa pregunta habería que facérllela a eles. Tanto nos prolegómenos, como durante todo o proceso e onte mesmo nas votacións, nós ofertamos a integración e non o fixemos coma un xesto xeneroso nin tampouco por soberbia, senón porque entendemos que o BNG debe incorporar a todos, e ofertamos postos de saída, o terceiro e o cuarto. Dixeron que non alegando que debiamos liderar o noso proxecto e a asemblea local é a que vota, é a soberana.
-Onte volveuse falar do censo e do efecto nas votacións que tivo a baixa de militantes. ¿Iso desluce o resultado?
-O BNG é unha organización seria, é asemblearia e é democrática. E para garantir o dereito de participación de todos os militantes, dende sempre un dos requisitos é estar ao día no pago das cotas, porque o BNG non ten mecenas, autofinánciase. É verdade que non todo o mundo pode abonar as cotas, pero para iso tamén hai fórmulas establecidas de exención. O BNG aprobou, na executiva e no consello nacional, como ía ser o proceso de actualización dos censos e se aplicou en todas as comarcas. Entendemos que todo o proceso foi limpo.
-Como número 1 da lista, ¿seralle fácil chegar a un acordo con Losada para reeditar o pacto de goberno en María Pita?
-Imos ver. Aínda falta para as eleccións e primeiro hai que saber o apoio das distintas formacións. Despois habería que mirar os programas que leva cada unha. O BNG ten un perfil propio, pero é unha formación que conversa sen problemas para acadar acordos ou pactar. Se as condicións electorais se dan e tendo en conta que cada un ten o seu perfil, o BNG non ten medo de falar con ninguén, somos dialogantes.
-¿Que lle parece a actividade do actual grupo municipal?
-Excelente.
-¿Vai cambiar en algo no que queda ata as eleccións?
-Sobre a base de que o grupo municipal fai o seu traballo de maneira exemplar, o único que queremos é afortalar ao grupo para que os compromisos adquiridos no programa electoral e no pacto de goberno se cumpran.
-¿Non pensa que o feito de que se presente unha lista avalada pola UPG nunha cidade coma A Coruña pode acabar desviando votos cara a dereita?
-Primeiro, eu son militante do BNG e polo tanto a mensaxe que se dea é a do BNG. Penso que non temos que ter para nada unha actitude acomprexada, porque temos un proxecto e é un proxecto pensado para a gran maioría social, tendo en conta os colectivos menos favorecidos, a xuventude... aos homes e mulleres que acreditan a democracia como transformadora.
-¿Cal é a mensaxe que desexa trasladar aos cidadáns?
-Temos a costume de falar en primeira persoa pero non do singular, senón do plural. Son membro dun colectivo e polo tanto o programa será o que decida o BNG como formación plural e democrática.