¿Que facer no Parrote?

Manuel Monge

A CORUÑA

Neste tema hai que recoñecer que calquera tempo pasado foi peor; en 1985 apareceron restos da muralla na praza de María Pita, cando se construíu o aparcamento, e o goberno municipal ordenou o seu derribo (o concelleiro Javier Losada declaraba, daquela, que 'carecen de valor arqueolóxico'). Aumentou a sensibilidade para respectar os restos arqueolóxicos e é unha boa noticia que hoxe esteamos a falar de que facer para conservar a muralla.

Debemos pensar no futuro, mais hai que recoñecer que chegamos á situación actual -coas obras dun aparcamento paralizadas desde hai dous anos- despois dun rosario de despropósitos. Non é de recibo que Carlos Negreira, presidente de Portos de Galicia en 2003, manifeste agora que cando presidía ese ente público, non sabía nada da existencia das murallas, que levan aí desde hai séculos. Cando un participa directamente -o mesmo que outros representantes do concello- na adxudicación polo Consello de Administración do Porto da Coruña da construción do aparcamento do Parrote o 8 de maio de 2003, hai que saber que é o que se aproba, hai que coñecer un pouco a historia da cidade e saber que na escavación aparecerían os restos arqueolóxicos das murallas.

Non é de recibo que a Xunta de Goberno Local conceda a licenza para a construción do aparcamento do Parrote o 12 de xaneiro de 2007, sen que a Xunta tivese coñecemento do proxecto e sen que a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico emitise o preceptivo informe arqueolóxico. Non é de recibo que a Autoridade Portuaria autorizase o inicio das obras sen ese informe. E non é de recibo que o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, aterre na Coruña como un paracaidista despistado e manifeste que descoñecía a competencia de Patrimonio sobre estas escavacións. O novo PXOM abre un novo capítulo na historia da cidade; non valen as vellas políticas urbanísticas, porque pertencen ao pasado, como o Plan Especial de Ordenación da zona de servizo do Porto da Coruña que permitía dedicar a usos comerciais nesa zona ata 3.000 metros cadrados. Hai que recuperar a memoria; os últimos acertos do concello da Coruña foron aqueles en que convocou un concurso de ideas e a Autoridade Portuaria debería tomar boa nota e convocar un.