«A gran singularidade deste centro é que ensinamos traballando»

A CORUÑA

Achegar o máis posible os alumnos ao mundo real do seu futuro emprego é un dos obxectivos desta escola, que leva anos sendo un referente no panorama nacional

07 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

El gran dictador

, de Charles Chaplin, El Padrino , El bosque animado e Sueño de una noche de San Juan son os pósteres cos que Xullo Xermade (Sada, 1960) ten adornado o seu despacho na Escola de Imaxe e Son de Someso. Leva tres anos como director do centro, pero foi un dos seus fundadores, alá polo ano 1991. Presume de que «moitos dos luises tosares e santiagos seguras que agora hai por aí, saíron destas aulas».

-¿Cal é o segredo para que esta escola sexa un referente a nivel nacional e europeo?

-A gran singularidade deste centro é que ensinamos traballando, así é como facemos a formación. Tentamos ensinar aos alumnos traballando nunha situación que sexa a máis similar á real. Por este método de ensino temos moita fama e somos un referente a nivel nacional e europeo. Hai moitas escolas que tratan de seguir os nosos métodos, porque funcionan; dan moito traballo, pero son moi didácticos. Un bo exemplo disto é o que chamamos Cita a cegas , que é un traballo que encargamos na primeira semana aos alumnos que acaban de entrar, e que teñen que facer un proxecto conxunto cos alumnos doutros ciclos sen coñecerse de nada.

-¿E como logran compaxinar así todas as clases e grupos?

-Para iso é preciso facer una programación moi complexa para facer coincidir os grupos, as prácticas... A gran vantaxe que temos é que os profesores aceptan o reto, e nos meses de verán é cando temos máis traballo para ter todo planificado para o inicio do curso.

-Ademais de contar cun grupo de profesores entregado ao centro, ¿que tal son os alumnos?

-O mellor que temos son os alumnos. Entrar aquí non é nada doado, porque hai moi poucas prazas (22 para cada un dos catros ciclos) e moita lista de espera; pero temos moita sorte, porque os alumnos que entran son unha marabilla. A escola é deles, e moitas veces aquí non teñen horario, igual que ocorre no mundo da industria audiovisual.

-¿Como é a relación que mantén a escola coa industria?

-Outra das nosas singularidades e que é moi normal ver ás empresas do sector traballando na escola, e permitindo que os nosos alumnos se integren nos grupos de traballo. É como se no centro do lado -o IES de Someso- veñen os de Citroën a montar un coche cos alumnos de mecánica e automoción. Sempre foi unha teima da escola que as empresas que veñan aquí integren aos alumnos. O mellor de todo isto é que logo temos moitas empresas que queren alumnos nosos e ás veces non podemos ofrecerlles tantos como solicitan.