«¡Son tan inxenuo!», di do seu comentario sobre Dylan

La Voz

A CORUÑA

24 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

As declaracións de Tello sobre Bob Dylan -«non saúda, canta de costas...», dixo o pasado martes- valéronlle un treboada de críticas.

-O seu compañeiro na rolda de prensa, o socialista Garcés, dixo que se chega a saber a que se monta, contrata a Dylan. ¿Pensa o mesmo?

-Eu non opino.

-Pero polas palabras de Garcés, a contratación de artistas na cidade parece un pouco improvisada.

-Non teño nin idea. Iso é unha cousa que leva o IMCE, e non teño nin idea de como se fai.

-Se tivese todo o diñeiro do mundo, ¿a quen ficharía?

-Ui!... teño tantas preferencias, pero é de sobra coñecido que teño debilidade polos Rolling Stones. Bob Dylan encántame tamén, pero eu serei toda a vida como un rolling stone.

-Pero recoñeza que...

-Non, ese tema para min está rematado. Quen me coñeza sabe qué penso sobre a música, sobre Dylan e sobre o punk... pouca xente hai tan roqueira e musiqueira coma min.

-Hai un ano dicía vostede que, na oposición, o falar non ten cancelas. Agora no goberno...

-Un fala e despois resulta que os demais interpretan. E ás veces inténtase facer dano. Eu son tan natural e tan inxenuo e teño tan pouco dobre sentido. E teño tan pouca mala leche que comento diante dos medios o que sinto. Pero eu digo que seguen sen gustarme os directos de Bob Dylan. Paréceme un carota. Vaite a Inglaterra ou a Internet e pregunta que opinan del.

-¿Non o frustra o programa festivo da cidade?

-Non.

-¿E os 800 anos?

-Non tiven nada que ver na programación. Se dependese de min, faría outras cousas. É unha cuestión de gustos.

-Negreira (PP) púxose un 7 no seu labor de oposición ¿Que nota lle pon vostede?

-O día que presenten unha proposta poderei xulgalos.

-Di que vostede esqueceu os anos que estivo no seu lugar.

-O que estou tratando é de corrixir as cousas que entón non funcionaban. Algunhas cousas seguen sen funcionar.

-¿Adoita cear con Losada?

-Non. Falo con el nos despachos, ou nos corredores.

-¿Que hai do «La, la, la»?

-Cada vez vexo menos, cada vez está máis depurado. O que vexo é que estamos solucionando problemas sen ningunha crispación.