Cre que é necesario coñecer o que significa o feito relixioso en si mesmo para poder entendelo «e situarse diante del». Por iso, Victorino Pérez comeza a impartir a semana que ven -na Facultade de Ciencias da Educación da UDC- un curso de posgrao sobre relixión e sociedade, «porque non é o mesmo falar do feito relixioso na Universidade, que un cura fale de relixión na parroquia».
-¿Cal foi o moito de organizar este curso?
-O punto de partida deste curso é explicar que o feito relixioso é moi importante na sociedade e compre coñecelo, e saber que o feito relixioso se pode expresar de distintas formas.
-Pero, ¿non cre que cada vez hai menos crentes?
-Eu penso que todo o mundo é crente, uns cren nunhas cousas e outros noutras. O que hai que facer entender é que o feito relixioso é importante na sociedade, tanto para os que cren como para os que non.
-¿A relixión está decaendo?
-Non é certo que a relixión está alicaída, senón que o que están alicaídas son as relixións. As relixións establécense sobre todo polo seu autoritarismo, e os mozos de hoxe non están dispostos a facer o que lles mande o cura ou os seus pais, eles van a facer o que lles convenza. Os mozos queren un espazo de liberdade no que poder decidir, e non se lle impoña nada. A relixión, como todas as cousas boas, hai que vivila en liberdade.
-¿Que opina dos últimos enfrontamentos entre a Igrexa e o Goberno de Rodríguez Zapatero?
-Eu, desde logo, creo que os bispos non teñen dereito a dicir o que dixeron. En primeiro lugar, porque eles non teñen que dicir a quen ten que votar a xente; e, en segundo lugar, e o que é mais importante e grave é que os bispos digan que iso é o que opina a Igrexa. Eu non penso iso e nin sequera os resto de bispos creo que pensen da mesma maneira.
-¿Cal é a seu punto de vista sobre a relixión actual?
-Eu teño unha postura clara e a aplico na concepción deste curso que é partir desde una perspectiva dialogante. A única maneira de que a relixión teña un efecto positivo na sociedade é desde una perspectiva tolerante. Hai que partir do feito de que ningunha relixión ten toda a verdade, hai que abrirse. A xente que se manifesta non relixiosa, cando se atopa con persoas que dialogan é mais tolerante. Hai que entender que eu pode ter parte da verdade, pero non toda, por iso hai que saber escoitar, para poder aprender dos outros. O bo dun curso destes é o diálogo.
-¿A relixión ten futuro?
-Eu creo que a relixión ten futuro no século XXI na medida en que se integre o rito da interculturalidade e a interrelixiosidade.