«Non podería dicir quen é o mellor alcalde de Galicia porque non os coñezo a todos», di o numero 2 do bipartito, quen acusa a Vázquez de sufrir «amnesia»
14 ene 2008 . Actualizado a las 12:56 h.Encantado coa Torre. Para Henrique Tello (Corcubión, 1951), primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, a sua selección como candidata a Patrimonio Mundial «foi un agasallo». Un agasallo moi distinto o que acaba de facerlle ao goberno local o actual embaixador ante a Santa Sé.
-¿Por que Vázquez dixo o que dixo?
-Porque sempre pensou que desde fóra ía seguir dirixindo os fíos da política coruñesa. Volve entrar en escena porque non soporta ser actor secundario. E non admite que quen eran os seus adversarios políticos...
-Ou sexa, que o BNG é un pouco responsable...
-Polo menos nun 80%, porque un dos fundamentos políticos para manter a alcaldía era a súa cruzada contra o BNG.
-E para vostede, ¿quen é o mellor alcalde de Galicia?
-Non podería dicirlle, porque non os coñezo a todos.
-¿Pois que tal é Losada como alcalde?
-Institucionalmente me merece todo o respecto... Creo que é un digno alcalde da Coruña.
-¿Foi Vázquez o mellor?
-Foi un alcalde que durou moito tempo, e iso non quere dicir que fose o mellor.
-Losada dixo, a respecto do anuncio da marcha de EasyJet de Alvedro, que Industria non apoia nada.
-Eu daríalle a volta ao que dixo. A permanencia de Losada e Vázquez nunca axudou... A chegada de Tello vai permitir que por primeira vez a Xunta axude.
-¿Como?
-Teño unha entrevista esta semana para falar desto.
-Hai 6 meses dixo que non tocaba falar do nome da Casa de los Peces. ¿Toca xa?
-O que toca e a aplicación da Lei de Normalización Lingüística no Concello. A normativa...
-Losada di normas de uso.
-Iso é un eufemismo para desviar a importancia...
-E non lle gusta o borrador.
-Hai xente moi interesada en volver revitalizar o conflito do idioma, e o BNG non o vai facer, porque non queremos que sexa centro de atención. Unha lei non obriga, regula. A lei do aborto non obriga a abortar...
-¿Non se obrigará aos concelleiros a falar en galego?
-Teoricamente si, pero si mañá un fala en castelán...
-¿Non pasará nada?
-Non será ilegal facelo.
-Pero non lle gusta a postura do PSOE.
-Non me gusta a lentitude. É un motor de gasoil e tería que ser un turbo.
-¿Pode ser herdanza do famoso «La, la, la» de Vázquez?
-Evidentemente si, é unha herdanza do «La, la, la». Ao PSOE cústalle dar o paso por ter sido corista dunha mala opereta. Isto é o que me desgusta: estase a facer un problema do que non é, e canto antes rematemos con este tinglado, mellor. O idioma forma parte do tuétano do BNG, porque non nos consideramos nin os máis amantes nin os mellores, pero si somos defensores extraordinarios da identidade.
-Convénzame de que non é a única teima do BNG.
-O que quere o BNG é normalizar a vida. Eu apelo ao corazón das persoas e os sentimentos respecto a Galicia e a A Coruña, que reflexionen. E a chegada do BNG tamén supón un implemento en rehabilitación, a aceleración do parque ofimático, a política de vivenda...
-Sobre isto, Vázquez di que non hai proxectos novos.
-O que pasa é que ten amnesia, e non se lembra de que por culpa del estivo o recinto feiral parado un montón de anos, e o ofimático, e o tren de cercanías, e deixounos a hipoteca do elevador, do tranvía turístico...
-¿É certo que a cidade recibe agora máis diñeiro que nunca?
-Creo que recibe bastante, non sei se máis que nunca.
-Pero non ve a Losada enérxico reclamando...
-Ás veces... pouco lanzado. Ten que pedir máis, e onde non chegue dámoslle nós un empuxón.
-¿Que pasará coas terrazas de María Pita?
-É un problema económico.
-Ou sexa, que con diñeiro...
-Diñeiro, un plan estético...
-Pero ¿quitaranse?
-Hai que facer un esforzo para buscar unha alternativa.
-¿Pero aínda non a hai?
-Estamos mirando o custo...
-¿Pero quitaranse?
-O meu desexo é que si.
-E que non lle pregunto polo seu desexo.
-Hoxe non o podo garantir.
-Tampouco lle gusta o plan de Tabacos nin o do Papagayo.
-O que non me gustou de Tabacos foi o pelotazo. Pero estou orgulloso de que o edificio central vaia ser un centro cultural, como pedín hai oito anos.
-¿Que máis non lle gusta?
-A lentitude da construción da área metropolitana. Sempre estamos con palabras. Se non se convoca este mes vouna convocar eu. Hai que arranxalo xa.
-¿Son vostedes o Pepito Grillo do goberno?
-Non, o que pasa é que antes moitas propostas eran rexeitadas por estar na oposición.
-¿Non pasa agora coas do Partido Popular?
-A oposición do PP é moi destrutiva e oportunista.
-¿Que cambiou en María Pita tras a súa chegada ó poder?
-Hai moito dinamismo, unha administración máis aberta e transparente. E aspiro a que sexa máis eficaz. Houbo un cambio de talante, e de sensibilidade.
-Pero Alfonso Molina segue colapsada...
-Si, si, é algo que hai que replantexar xa. Se non, eu sentiríame moi frustrado.