«A Terraza é un edificio moi fráxil e na actualidade está afogada polo tráfico de forma dramática»

A CORUÑA

Xosé Lois Martínez é arquitecto, vicerreitor da Universidade da Coruña e autor dun estudio sobre a Terraza. Asegura que é o edificio máis significativo da época modernista e urxe unha actuación reparadora, para o que ofrece a Concello e Xunta toda a axuda que poda dar a Universidade da Coruña. «De galponciño onde tomaban a augardente os traballadores que construían os xardíns de Méndez Núñez pasou a emblema dunha burguesía que xa tiña tempo de lecer».

-¿Por que é tan especial?

-É o símbolo dunha nova época na que a arquitectura de madeira e vidro baixa á rúa. Trátase dun edificio aberto e transparente que constrúe un espazo interior que ten a función de poder ver, pero tamén de deixar que te vexan.

-Inda así nos oitenta estivo a piques de ser derruído...

-Por abandono total. Daquela se fixo unha exposición para salvalo e despois un informe que o colexio de arquitectos levara a Patrimonio, co que se logrou protexelo.

-¿Está de novo en perigo?

-É un edificio moi fráxil, naceu para ter unha relación moi sutil e coidada co espazo urbano que a rodea, pero, pola contra, na actualidade está afogado polo tráfico: rodeado de aparcamentos e ten diante cinco carrís, que lle afectan á súa estabilidade. É unha situación dramática, o deseño urbanístico do entorno denota unha ausencia total de sensibilidade. Estase a sacrificar o símbolo da propia vila en beneficio do coche.

-¿Que necesita?

-Que fagamos caso da mensaxe de socorro que está a emitir. Necesita dun proxecto que lle deixe respirar e vivir, dun espazo urbano cualificado, como o que tiña na cidade herculina no parque de Méndez Núñez.

-¿Os monumentos sofren máis en mans privadas?

-Nas sociedades democráticas a conservación dos edificios públicos é unha garantía, pero iso non quita que os privados podan conservarse en boas condicións, sempre que as institucións axuden, porque inda que teña dono, o patrimonio nos pertence a todos.