«O meu relevo debe ser a curto prazo»

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo A CORUÑA

A CORUÑA

Cree que ninguén é imprescindible, pero é consciente do peso que ten en Alternativa. Afronta un novo mandato crendo que «o PSOE está abocado a entrar no goberno»

18 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Para Ángel García Seoane poucas cousas mudaron onte, cando comezou outro novo mandato ao fronte do goberno local de Oleiros, aínda que bota en falla a moitas persoas de confianza «que son claves para o funcionamento do Concello». Confesa que nunca pensou en retirarse, a pesar de que esa era a única condición que lle puxo o PSOE local para pactar. -¿Aínda é posible un goberno bipartito cos socialistas? -Eu penso que o PSOE está abocado a entrar no goberno. Os nosos programas electorais coinciden bastante, e, á marxe de temas persoais, non hai cousas que nos separen. Eu vou insistir para que entren no goberno, antes ou despois, porque Oleiros necesita un goberno estable canto antes. Hai que esquecer as rencillas do pasado e estar aberto ao diálogo. -Nas dúas reunións que mantivo con Covadonga Díaz, ¿cal foi o principal escollo para non chegar a un acordo? -Non hai problemas para chegar a un acordo. Existen problemas persoais, pero non hai ningún escollo insalvable, e penso que, se seguimos falando, poderemos chegar a un acordo pronto. -¿Nalgún momento pensou en marchar para que Alternativa pactase co PSOE? -En ningún momento pensei en marchar. O venres tivemos unha asemblea, con máis de trescentas persoas e todos volveron a darme o seu apoio. Está claro que Ángel García Seoane foi votado polo pobo de Oleiros, e foi o líder claro e ninguén dubida dese referendo. -¿Considérase imprescindible para a continuidade de Alternativa dos Veciños? -Eu creo que ninguén é imprescindible, pero tamén é certo que ninguén dubida do peso que teño en Alternativa. Sen embargo, eu debo pensar que o meu relevo debe ser a curto prazo. Debe ser así, porque sempre hai que sumar en lugar de restar. -¿E xa hai substituto? -Polo momento non. Ata o de agora estivemos levando as rendas do partido entre eu e Alfredo Novoa, que foi concelleiro ata este mandato. Non sabemos o que nos vai deparar o futuro, e non son eu quen o ten que dicir. -Xa falando de proxectos concretos, ¿como está o plan xeral de urbanismo? -Estamos traballando arreo para facer as correccións que nos pediron, e logo levarémolo á consellería para manter unha reunión cos técnicos, e finalmente, ao pleno municipal. Eu penso que neste mes de xuño seguramente o presentemos aos representantes da Xunta.