Candidato do BNG á alcaldía da Coruña «A cidade leva ano e medio paralizada porque este alcalde só se dedicou a facer campaña», afirma o portavoz nacionalista, que espera dispor de votos suficientes para formar goberno «Vázquez era capaz de arranxar algún dos problemas que creaba»
22 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.É catedrático de Filosofía e quere sentar cátedra en María Pita. Por vez primeira, Henrique Tello León se presenta ás municipais sen Vázquez (de rival) e... sen bigote. -¿Por que vostede? -Porque neste momento non é crible un proxecto que leva 24 anos gobernando con maioría absoluta en María Pita mentres os grandes problemas da cidade están sen resolver, porque temos demostrado que sabemos facelo; porque son o único candidato que está entre a xente; porque o candidato do PSOE é unha persoa distante, que está recluída; porque os concelleiros do PSOE non saben andar pola cidade se non é no coche oficial... -E falou da posibilidade dun pacto. -A partir dos resultados, os escenarios poden ser moi variados. O noso obxectivo é dispor da confianza suficiente para formar goberno, e a partir de aí poremos as cartas sobre a mesa. -¿Plantéxase outros pactos? -Se alguén ten a tentación, que pode darse, de desprezar aos votantes do BNG, entón o BNG xogará as súas cartas. -¿E? -Son dialogante. De entrada falo con todo o mundo. -Os do PSOE lles chaman «os do non». -É un clixé. Eles nunca votaron a favor das nosas propostas, e logo as fan propias. Nin somos os do non, nin somos os do si; somos os do sentido común. Estase a ver na Xunta, con Anxo Quintana á cabeza. -¿A que concellería non renunciaría? -Non concibo un goberno con compartimentos estancos. Sería desastroso para A Coruña. -¿Que é o primeiro que faría? -Chamar aos alcaldes da comarca para poñer en funcionamento a área metropolitana; o plano de transporte público; chamar as entidades sociais, deportivas e culturais de base para analizar as principais carencias da cidade... -¿E se puidese dar marcha atrás? -Non tería construído o tranvía turístico como se fixo, nin o ascensor de San Pedro, e non tería subido de forma tan disparatada o prezo da vivenda vendendo solo municipal e permitindo a especulación.