«Eu non querería ser nunca médico substituto»

R. Domínguez A CORUÑA

A CORUÑA

PATRICIA GAGO

Entrevista | María Jesús Cerecedo Pérez A xefa dos médicos de cabeceira pensa en equilibrar os cupos de enfermos para garantir prazas estables e mellor atención

17 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Chus Cerecedo leva dezaseis meses ao fronte da Xerencia de Atención Primaria da Coruña. -¿O balance? -É positivo. Hai un punto de aprendizaxe importante. O mundo da xestión é totalmente diferente. Coñecía a primaria dende o punto de vista asistencial e agora empezo a ter unha visión máis global. Deixas de sentirte o embigo do mundo como cando estás nun centro cos seus problemas e necesidades. Se volvo á asistencia, serei moito máis tolerante. -¿Compensa? -Isto esixe moita implicación persoal, algunhas noites sen durmir... pero eu creo na primaria e penso que se poden facer cousas. -¿Cómo atopou a área e qué arranxos se fixeron? -Hai tres apartados e todos teñen que ver coa distribución, dos recursos humanos, dos económicos e da actividade. Había unha deficiente distribución, nuns sitios uns cupos moi altos e noutros uns moi baixos e non sempre se entende que hai que tratar de equilibralos para que sexan equitativos. Na estabilidade profesional, as cousas cambiaron bastante nun ano e na dotación dos centros fíxose unha especie de plan renove que permitirá ofertar máis e mellores servizos. -¿O máis gratificante? -O mellor momento foi a resolución da OPE. Rematar coa precariedade laboral continuada de compañeiros que levaban quince anos esperando é moi gratificante, aínda que supoña un carga de traballo tremenda e teña algo de sufrimento poboacional por os cambios de médicos. -¿E o peor? -Hai momentos complicados por o que supón a toma de decisións, o querer e non poder... as vacacións foron moi difíciles. -¿Cómo se vai a resolver a falta de médicos para as substitucións? -Non ter médicos nun sentido é positivo: quere dicir que non hai paro. Recordo como é ir hoxe aquí e mañá alá e, a verdade, eu non querería ser nunca médico substituto. O camiño é conseguir que as cotas sexan máis baixas e, cunha serie de condicións, que a ausencia dun profesional non repercuta como agora e se poida asumir, e se poidan facer carteiras de servizos máis amplas. Con cupos de 2.000 pacientes no se pode pedir que fagan ademais cirurxía. -¿E rescatar aos que emigraron ou traelos de fóra? -Temos xa xente que veu da Arxentina e algún tamén que voltou de Portugal. Pero ti volves se tes garantía de estabilidade, non para facer substitucións. Ter oposicións regradas e regulares axudará. -Parece que non discrepa tanto do que din as plataformas de médicos. -Neste sentido, o mensaxe é, con matices, coincidente. -¿E nos dez minutos? -Cuantificar o tempo idóneo para cada enfermo é complicado, haberá que darlle o que precisa, sexa un minuto ou vinte. Ou moitos cinco minutos ao longo dos meses. -¿E cal é o cupo ideal? -Depende de cómo estén dimensionados os equipos, da organización dos centros para as intersubstitucións... -Fálase de lista de espera tamén en primaria. -Lista de espera é unha palabra hospitalaria. Espera é cando o médico che di que tes que volver mañá e non hai oco. Outra cousa é cando un din 'teño que ir ao médico'. Evidentemente, se temos faltas de substitutos, en momentos puntuais hai problemas, pero se é urxente e o paciente considera que non pode esperar, vese no mesmo día. Hai que recoñecer o esforzo dos profesionais e a súa flexibilidade. E tamén hai que saber que unha receta, un parte, non é urxente. -¿Abúsase de ir ó médico? -Isto é a aspirina. Queremos estar ben e de inmediato. Este é un país onde tes a pizza en dez minutos na túa casa ás tres da mañá. Non vou xustificar as esperas porque onde menos se debe esperar é na saúde, pero tamén hai que ver cómo é a demanda. Hai carencias sociais e a veces se lle busca solución médica a problemas da alma. Non pode ser que o 20% da poboación consuma o 80% dos recursos. A educación sanitaria vai ser unha arma fundamental. Que a xente se sinta responsable da súa saúde e sepa que se está ben é porque fai algo para estalo.