«O PSOE é o único grupo que está no mesmo sitio que no 2003»

Dolores Vázquez A CORUÑA

A CORUÑA

08 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?ernando Taibo Gago (1949, Culleredo), carralés por casamento, declárase socialista. O seu currículo político comezou como concelleiro do 87 ao 91 co PSG-EG, repetiu uns meses do seguinte mandato, pero deixouno por un ascenso profesional. No 99 volve á política co PSOE como membro do goberno de Carral e tras a moción de censura do 2003 pasou a ser o portavoz do seu grupo. Elixido polos seus compañeiros, anuncia que haberá renovación na candidatura e a incorporación de máis mulleres. -¿Non cre que Mouriño parte con vantaxe para repetir como alcalde? -Cremos que, tal como están as cousas neste mandato, o PSOE sacará a maioría. Ao día de hoxe é o único grupo político municipal que está no mesmo sitio que no 2003. Uns son os non adscritos (ex BNG) e outros non saben onde están (ex PP). No noso caso hai rigor e seriedade, e iso que houbo intentos por desfacer o grupo. En temas importantes esta lexislatura foi perdida, foi a lexislatura do asfalto sobre o asfaltado, e a democracia sufriu un deterioro moi importante. A xente ten que saber analizar os feitos. O máis importante é recuperar o talante democrático. Non houbo ánimo de consenso por parte do alcalde, que se comportou de maneira prepotente e arrogante. Os membros da corporación sufrimos constantes vexacións políticas e persoais; el cre que o Concello é a súa finca particular. -Os socialistas levaban ata a moción moito tempo na alcaldía... -Vinte anos, e perdeuse o goberno pola moción. Consideramos que Carral é socialista, está visto que a maioría do Concello é de esquerda. -¿Consideraría volver pactar con Unidade Veciñal? -Presentámonos para gañar, pola maioría absoluta. De pactos aínda non quero falar, pero os partidos que caen na mesma liña deberían entenderse. -¿Que faría de alcalde? -Prometo un funcionamento democrático, o Concello vai cambiar como do día a noite. Para nós son primordiais as vivendas do polígono, que non teñen parangón en Galicia, e pedimos a posta en marcha da segunda fase, xa que a Sepes está interesada. Tamén as beirarrúas, o alumeado e a recollida de pluviais na estrada de Carral a Cambre. -¿Como ve o urbanismo no concello? -O ano pasado déronse licenza para 886 vivendas, estamos a favor de que Carral creza, pero iso ten que ir parello ao aumento de infraestruturas e non se fixo esa previsión.