A corporación debate que o pleno recupere as competencias delegadas na xunta de goberno
A CORUÑA
A corporación de Oleiros debate hoxe nun pleno extraordinario a petición do PP para recuperar de maneira permanente por parte do pleno das competencias que foron delegadas na xunta local de goberno. Esta proposta do PP está sustentada na situación que se produciu no concello trala ruptura da coalición Alternativa-BNG e ante o que considera que son defensas partidistas por parte do rexedor desde a súa acción de goberno. O BNG anunciou onte que reclamará que a votación de cada delegación se faga de maneira separada, xa que considera que se deberían recuperar só dúas das seis delegadas no seu día. Tras esta sesión extraordinaria, o goberno local adiantou a hoxe o pleno ordinario, previsto para o xoves. Entre as cuestións a debater está a concesión dun crédito para facer fronte a substitución da cuberta da urbanización Casa Sara, en Santa Cristina. Tamén se leva a aprobación unha modificación da relación de postos de traballo municipais. UGT criticou a actitude do rexedor, que cualificou de ditatorial e fascista, pola privatización do mantemento dos xardíns, xa que considera que vulnera a legalidade. Ademais, lembra que nos últimos catro anos só se convocou en dúas ocasións a mesa xeral de negociación do Concello.