En directo Correlingua celebrou onte a súa cuarta edición cunha marcha que percorreu a cidade e con dous concertos nos xardíns de Méndez Núñez
03 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Máis de 6.400 alumnos de institutos e centros de secundaria de toda a bisbarra da Coruña percorreron onte as rúas da cidade respondendo á convocatoria da cuarta edición de Correlingua. A torre de Hércules foi o lugar escollido para o inicio dunha marcha que se convertiu, a partir das dez e media da mañá, nunha marabunta de voces, pancartas e música de gaitas e acordeóns. Ao pé da Torre, o recanto máis emblemático da Coruña, reuniu a alumnos de preto de corenta institutos, que foron chegando á península da Torre dende diferentes puntos en 75 autobuses. Paseata festiva O grupo partiu, minutos despois, desde a esplanada da torre de Hércules para percorrer as rúas da cidade. Os alumnos, dentro dun ambiente festivo e ledo, pasearon animados polo son dos gaiteiros pola praza da María Pita, a rúa Nova e a rúa Real ata chegar aos xardíns de Méndez Núñez. Neste punto, os participantes leron o manifesto, o texto que neste ano representou ao Correlingua e que tivo como lema Pon o galego en todas as linguas . Tamén acudiron a esta cita os compoñentes do grupo Migallas, que conseguiron arrincar algunhas gargalladas coa súa actuación dramática. A festa da lingua galega foi amenizada por Relúa, gañador do concurso musical A mocidade coa lingua . A xornada rematou cun sorteo de regalos para todos. Mercedes Queijas Zas, coordenadora de Correlingua, anunciou que esta entidade xa ten postos os ollos na vindeira edición, no 2005. Lamentou «a falta de apoio do Concello da Coruña». «Sentimos moitísimo que a nosa proposta de colaboración non fora asumida por parte do Concello», suliñou. Destacou, pola contra, o apoio da Deputación e dos concellos de Oleiros e Culleredo.