En directo | O tren da lingua de Caixanova viaxa a Betanzos A caravana que Caixanova fleta cada ano para potenciar a lingua inaugurou onte os seus percorridos cunha viaxe que levou a escolares coruñeses ata a estación brigantina
23 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.?aquel, do colexio Eusebio da Guarda, xa tiña viaxado en tren. «Pero no me acuerdo a dónde», dixo. Cristina, a súa amiga, si. Ela foi coa sua tía a Santiago. A chegada do seu mestre acaba coa conversación. Elas entenden a mensaxe: «Vamos a mirar por la ventana, que luego nos preguntan y no sabemos». Pouco lles duran as boas intencións, porque entra o pallaso Lolo no vagón. Promete agasallos para os que mellor se porten. Todos calan e quedan sentados. Por pouco tempo, porque chega Piter, con i latina porque é en galego. El fala dos premios, pero só para os que falen galego. «A ver, ¿quen fala galego?», pregunta. E érguense tódalas mans. «¡Yoooo!», se escuchó. E, pronto, a rectificación: «¡Euuuu!». A primeira viaxe do tren da lingua de Caixanova -organizado coa colaboración de Renfe Rexionales e Normalización Lingüística da Xunta- arrincou onte á mañá da estación de San Cristóbal. Alí, os pequenos, alumnos de Montespiño, Calasanz, Eusebio da Guarda e Escolapios tiveron un recordo para as víctimas do 11-M. Moitos, escapando dos seus mestres, correron ao lugar onde están colocadas as velas e flores. «Es por los muertos», explicoulle Andrea, unha alumna de Calasanz, á súa amiga. Na viaxe de regreso á Coruña, despois dun tempo de xogos e actividades lúdicas no parque do Pasatempo, xa ninguén falaba castelán. Cumprido un dos obxectivos da organización, que pretende con este tipo de actividades que os máis pequenos se acostumen a falar galego a cotío e non só cando, no caso dos castelán-falantes, están obrigados na escola. Cansos, os máis pequenos da excursión pasaron a viaxe de volta á casa pegados ao libro que lles regalou Caixanova. En galego, claro.