«Coñecer ós escritores axuda a desmitificalos»

Cristina Álvarez A CORUÑA

A CORUÑA

Entrevista | Manuel Rivas Ducias de lectores agardaban onte ó autor coruñés que visitou a feira do libro para adicarlles as súas derradeiras novelas

05 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A autenticidade dunha linguaxe que engancha e a tenrura das personaxes que poboan ás súas historias fixeron de Manuel Rivas unha das voces máis sobresaíntes do panorama literario nacional. -Acudir a asinar a unha librería ou visitar unha feira é un xeito de persoalizar un libro. Só o feito de vir convírtese nunha forma de desprenderse da rutina. A obra volve á súa condición da natureza, ó caracter de manuscrito compartido. En certo senso, coñecer ós escritores axuda a desmitificarlos, pero o que está claro é que a súa sinatura non fai nin mellor nin peor a ningún libro. -¿Satisfeito coa adaptación de « O lápis do carpinteiro» ó cine? -Moito. Apostar por un cine con contido e trascendencia é unha aventura arriscada na que poucos se atreven a participar. -Vostede participou na plataforma Nunca Máis... -Nunca Máis foi un movemento de autodefensa, de estar xuntos frente a unha catástrofe. Entre todos superamos o individualismo. Deuse unha manifestación que poucas veces se produciría no mundo das artes. De este movemento queda unha lección; expresar unha vontade frente ó desastre. Tra-lo Prestige, Galicia reexistiu e todos quedamos reconfortados coa capacidade do pobo galego. -¿Cales son os seus proxectos a curto prazo? -Pois escribir, porque mentres escribo non o boto de menos. Non podo falar de traballos nunha única dirección. Dependo moito dos relatos, do ensaio, dos poemas.... As miñas historias son como botellas que lanzo ó mar. O río principal leva unha novela, pero ata que non tes as personaxes non podes escribir un capítulo da alma dos homes. Porque as novelas non se fabrican, senón que son a paradoxo da existencia humana. -No ecuador do verán recomendaría a lectura de... -As obras completas de Avilés de Taramancos ou O oficio de vivir de Cesare Pavese, por exemplo.