«As microcredenciais son ferramentas moi atractivas»
A USC ofrece a empresas institucións e asociacións a posibilidade de crear cursos a demanda
Begoña Villaverde Gómez (Ames, 1973) dirixe o Centro de Estudos Propios da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Dende alí lidera, e deseña, a súa oferta de microcredenciais, coa que a entidade busca que os traballadores se adapten a unha realidade laboral frenética e cambiante, que ademais lles obriga a estar sempre en constante formación.
- A USC leva tempo vendo nas microcredenciais unha liña estratéxica e de futuro.
- Realmente é unha oportunidade, tamén para a sociedade. No caso da universidade, veñen descendendo o número de alumnos en toda España por unha cuestión de caída demográfica e resulta necesario contar con estudantes doutros perfís. Por outro lado, cada vez é máis importante a formación ao longo de toda a vida. É necesaria porque estamos nun momento onde a sociedade está cambiando a gran velocidade. Os empregos están mudando, temos o último exemplo na intelixencia artificial, que nos permite velo con claridade. Por todo isto, as microcredenciais son ferramentas moi atractivas neste momento.
- ¿Canto duran e para que tipo de persoas están deseñadas?
- Son formacións breves, non poden superar as 149 horas. En canto ás características, están dirixidas e pensadas para adquirir coñecementos, habilidades e competencias moi específicas. Pénsanse para a reciclaxe, mellora ou promoción profesional. Tamén para a adaptación a novos postos de traballo. Responden a un formato moi flexible porque poden ser presenciais, virtuais ou mesmo híbridas.
- ¿E os horarios? Imaxino que teñen que ser flexibles.
- Sabemos que o público interesado responde a persoas adultas, cunha vida familiar e profesional, polo que deben ser flexibles e modulares. Os estudantes poden ir creando o seu propio plan formativo, segundo lles interese ou se adapte a eles. Van facendo aquelas microcredenciais que se adaptan ás súas necesidades ou a aquilo que lles demanda a empresa.
- Que requisitos se deben cumprir para cursalas?
- Son un instrumento tremendamente democratizador no tocante ao acceso á universidade, xa que non é necesario contar con ningunha formación ou titulación previa. Calquera persoa que teña interese pode matricularse. Ademais é unha formación que conta co prestixio e co recoñecemento de calidade que acompaña á USC. Están avaliadas con criterios moi transparentes, perfectamente definidos polo noso sistema de calidade. Hai outro elemento a ter en conta: todas as titulacións superadas contan cun certificado dixital que, a través do Europass, as aglutina e ten recoñecemento en tódolos países da Unión Europea. Permiten crear un currículo a nivel europeo plenamente recoñecido.
- Como se decide se son presenciais ou a distancia?
- En función das características de cada unha. Non é o mesmo ensinar procedementos odontolóxicos, que teñen que ser presenciais, que outros que poden impartirse en formato dixital. Temos moi claro que son estudos dirixidos a un estudantado adulto, cunhas necesidades de conciliación especiais.
- E que resposta están recibindo por parte das empresas?
- Estamos avanzando nesa liña, de que sexa o propio tecido empresarial o que se dirixa á universidade para solicitar a formación específica que precisan os seus traballadores. A USC ten agora mesmo en marcha unha convocatoria de microcredenciais subvencionadas, polo que poden ser as propias empresas, administracións públicas ou asociacións as que se dirixan a nós, mesmo a través do Centro de Estudos Propios. Poden dicirnos en que están interesados, que necesitan os seus traballadores, os contidos que lles parecen interesantes e incluso os horarios que máis lles conveñen. O obxectivo é acadar esa formación flexible, adaptada. O mesmo se ofrece para as administracións e as asociacións.
- A USC tamén oferta as que considera que poden ser interesantes para a sociedade.
- Xa ofertamos máis de 40 microcredenciais, que superaron as 1.200 horas de formación. Parten de profesorado que chega a nós a través de convenios con distintas empresas. Xa contamos con exemplos de cursos a demanda, pero agora temos en marcha esta convocatoria das microcredenciais subvencionadas. Derivan do Plan Microcreds do Goberno de España, relacionado cos fondos Next Generation. A través del repartíronse 50 millóns de euros entre todas as universidades españolas para formar profesionais e a persoas en idade adulta. Deben ter entre 25 e 64 anos, e son as empresas as que sinalan as súas necesidades e demandas. Nesta convocatoria tamén están incluídas microcredenciais dirixas a persoas en situación de vulnerabilidade económica ou social, e tamén temos en marcha microcredenciais dirixidas a persoas con discapacidades. Contamos con outro proxecto moi avanzado para persoas becadas con dificultades de integración no mercado laboral. Estas subvencións permiten financiar o 70 % do custo do curso, mentres que o estudantado só ten que pagar o 30 % da matrícula. Algunhas empresas optan por asinar convenios con nós e asumir ese custo, mentres que para os colectivos vulnerables a matrícula xa é gratuíta.
«Cremos que investir en formación é un investimento estratéxico»
Begoña Villaverde amosa toda a variedade de microcredenciais que ofertan dende a Universidade de Santiago (USC). Explica que se van modernizando constantemente, seguindo as demandas que lles chegan dende o mundo empresarial, as asociacións ou as entidades públicas, ás que escoitan para sumar máis sensibilidades.
- Que temáticas trataron nos cursos ata o de agora?
- Os temas son do máis variado. Por exemplo, temos un par de formacións que están moi vinculadas ao ámbito empresarial, sobre todo coa intelixencia artificial aplicada á empresa. Tamén fixemos cursos sobre como utilizar o SEO para atraer a clientes ou mesmo sobre o uso do Verifactu para autónomos. Houbo outro curso de facturación para autónomos e outro sobre o desenrolo de habilidades empresariais para persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social. Organizamos microcredenciais vinculadas co coidado dos traballadores e incluso coa política económica en China. Como se pode ver, hai do máis variado... penso noutros que fixemos sobre auditoría pública, destinados ao control financeiro das entidades locais.
- Existen opcións para tódalas sensibilidades profesionais e intereses.
- Realmente creo que as microcredenciais son unha gran oportunidade para o estudantado, as empresas e as asociacións. Cremos que investir en formación é un investimento estratéxico porque son competencias que teñen pegada de cara ao futuro. O que se oferta ademais ten a garantía de calidade dunha universidade como é a USC. Iso é un plus para un currículo. Que conte con financiamento europeo é unha oportunidade, tamén para nós, porque nos abrimos máis á sociedade e rompemos ese mito de estar lonxe da realidade. Ofrecemos formacións moi interesantes e atractivas para toda a cidadanía. Facendo algo que sabemos facer moi ben, que é ensinar e formar á cidadanía e aos traballadores. Nese sentido, permítenos devolver algo á sociedade, que nos dá tantas cousas, sobre todo recursos e oportunidades.