Ciencias e letras

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CIENCIA

16 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Opaso do tempo é curioso. De pequeno as matemáticas custábanme. Nin eu tiven profesores moi bos nin, agora decátome, eu me esforcei todo o que debía. Visto coa perspectiva, parecía que me conformaba con ese tópico de que os de letras non son bos en matemáticas. Máis que resignarme, asumíao con certo orgullo prepotente: non, ese era o meu mundo. A min prestábame o latín, o grego e a historia.

Pasaron os anos e moito me arrepinto non ter estudado máis matemáticas. A pouco que un teña algo de ambición polo saber, decátase de que esa suposta barreira entre as ciencias e as letras da que se responsabiliza ao ensino, é artificial. Non se poden entender uns saberes se non se entende doutros.

Penseino estes días cando entrevistamos a numerosos artesáns e traballadores da nosa comarca: carpinteiros, mecánicos, patróns. Xente con pouca formación regrada que, porén, adoraba os números, a precisión, as calidades ben feitas, as mecánicas perfectas.

Traballadores que combinaron o traballo duro coas gañas non só de saber, senón de entender o que se sabe. Amantes da técnica, das innovacións, educados na fascinación polo mar.

Varios deles consideran que son artistas, aínda que hoxe en día o mundo profesional os chamaría artesáns. As categorías son necesarias, porque nos permiten organizar o mundo. Pero ao escoitalos recitar con paixón cadrantes, ángulos, números, pesos e tempo de produción, non se pode menos que pensar: que se poñan límites outros. Nós gocemos sen esas fronteiras convencionais.