A ciencia do cannabis

Jorge Mira Pérez
jorge mira O MIRADOR DA CIENCIA

CIENCIA

Toussaint Kluiters

05 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo o mundo ten claro que a heroína ou a cocaína son drogas moi perigosas, pero, en contra da sólida evidencia científica, segue sen existir unha conciencia clara sobre os riscos reais do cannabis. A proba é que, hai unhas semanas, o Parlamento español debateu a súa legalización. 

Veño de recibir o resumo do segundo Congreso Internacional sobre Cannabis y sus Derivados e as conclusións non poden ser máis claras. Estímase que ata o 8 % dos casos de esquizofrenia están relacionados co consumo precoz desa sustancia, que tamén dispara os ingresos por psicose. A isto súmase o aumento do risco de trastornos por depresión (e de suicidio) e a merma da capacidade de atención. Se é fumado, súmanse as obvias consecuencias a nivel cardiopulmonar. Neste congreso alertouse de que a legalización da súa venda e distribución aumenta os casos de tratamento por consumo, e datos recentes do Estado de California (onde se legalizou hai cinco anos) evidencian que o mercado negro non se reduciu, senón que aumentou. Algúns políticos falan de legalizar para recadar impostos, pero os investigadores din que os ingresos por eses novos impostos non serían comparables cos custos sociais e os creados no sistema de saúde pública para atender aos enfermos.

Ao final sempre sae o do cannabis terapéutico. A ciencia dinos que hai catro enfermidades para as que está indicado (nunca en forma de porro), pero iso só baixo receita médica. Tamén é terapéutica a quimioterapia ou os antibióticos, e a ninguén se lle ocorre falar de consumo recreativo da quimioterapia.