O Reino Suevo centra o foro científico do Museo de Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

CIENCIA

Presentación das xornadas
Presentación das xornadas CEDIDA

As xornadas de divulgación terán lugar o día 25 no Pazo de San Marcos

11 jun 2021 . Actualizado a las 13:10 h.

Venres 25 • Pazo de San Marcos (Lugo) • Inscrición na web do MPL-RMP • Pódese seguir presencialmente ou en liña • 

O contexto histórico e a cultura material do Reino Suevo en Lugo centrará os relatorios da IV Xornada de Divulgación Científica organizadas polo Museo de Lugo, que se celebrarán o día 25 no Pazo de San Marcos. A directora do Museo explicou que «dedicamos a xornada ao Reino Suevo para aproveitar e poñer en valor as pezas desa etapa histórica e tamén para contribuír ao seu coñecemento e recoñecemento» xa que, explicou, «hai unha escaseza moi profunda de fontes documentais sobre o Reino Suevo na historiografía tradicional, e as que se conservan están moi subxectivizadas pola visión romana. Consideramos que temos que contar a nosa propia historia en función doutras liñas, neste caso da investigación arqueolóxica que se esta está levando a cabo en Galicia desde finais do século pasado, da cultura material ou da numismática e que corrobora que se trata dunha etapa histórica rica e senlleira».

Nesta cuestión abondou a catedrática da USC Ana E. Goy Diz, que sinalou «a necesidade histórica e artística de recuperar ese período no que a antiga Gallaecia tivo moito que dicir ao resto de Europa». A vicepresidenta da Deputación agradeceu ao Museo a iniciativa e destacou as xornadas como «punto de encontro e colaboración coa universidade pública».

O programa será o seguinte:

· 9.30h. Acreditacións

· 10.00h. Presentación

· 10.15h. Trocando espadas en rellas de arado: un achegamento á historia e o legado do reino suevo-galaico, Carlos Baliñas Pérez, Dr. Historia Medieval e profesor da USC

· 11.00h. As elites bárbaras a partir das evidencias materiais: os suevos Jorge López Quiroga, Dr. en Historia Medieval, e Natalia Figueiras Pimentel, historiadora da arte, conservadora e restauradora

· 12.15h. Bens culturais de tradición xermánica no Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, museóloga e directora do MPL.

· 13.00h. Mesa redonda: O papel da investigación histórico arqueolóxica na divulgación científica dos séculos V-VII: estratexias de comunicación e transferencia do coñecemento. Moderada por Aurelia Balseiro, con intervencións dos relatores e de Pablo Núñez Meneses, Dr. en Historia Medieval, e Ana E. Goy Diz, Catedrática da USC

· 14.00h. Debate-coloquio

· 17.00h. Visita técnica explicativa no Museo

Ademais dos relatorios, a partir do 21, o Museo instalará na sección de Arqueoloxía unha exposición divulgativa cunha mostra das pezas custodiados polo centro e datadas entre os séculos V e VIII no contexto dos reinos suevo e visigodo, da invasión árabe e da consolidación do reino asturiano. Inclúense o broche de Baamorto (Monforte), unha placa e dous botóns achados en Penadominga (Quiroga), unha cama de freo de cabalo de Santo Hadrián (Triacastela), unha patena (Sarria) e vestixios do capitel de Santa María de Mosteiro (Guntín).

A exposición será así unha oportunidade para coñecer «unha cultura material que deriva dunha sociedade complexa e heteroxénea con reminiscencias tardorromanas adaptadas, nalgúns casos, ás tradicións xermánicas», segundo destacan Enrique Alcorta, Mª Ofelia Carnero e Aurelia Balseiro, que colaboran no comisariado da mostra.