A brecha entre ciencias e letras

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

CIENCIA

MIGUEL VILLAR

24 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai, en xeral, unha grande diferenza entre os alumnos que cursan no bacharelato as modalidades de humanidades e ciencias sociais ou artes e os que elixen ciencias e tecnoloxía. Estes están máis motivados e mesmo chegan a superar en competencias lingüísticas aos compañeiros de letras, pois acadan unha mellor comprensión lectora e redacción e por riba len máis. Unha das razóns é que o menor prestixio actual das humanidades fomenta que os docentes orienten aos mellores estudantes cara a ciencias, esixíndolles máis e, pola contra, baixando moito o nivel cos de letras, que acaban superando o bacharelato con carencias esenciais na súa formación. A cualificación alta é difícil, pero o aprobado acaba por conseguirse con facilidade, con frecuencia por unha equivocada concepción da igualdade de oportunidades.

Causa tamén desta situación é que as notas de corte para o acceso á universidade son máis altas no ámbito científico. Os estudantes que aspiran a obtelas teñen que esforzarse moito e non lles resulta suficiente destacar só na súa especialidade, senón que teñen que facelo tamén nas materias humanísticas e sociais. E acaban por conseguir ademais tres piares esenciais do éxito académico e profesional: constancia, satisfacción polo estudo e dominio das técnicas de estudo e traballo intelectual.

Outra razón é a obsesión por cursar o bacharelato, cando moitos alumnos teñen máis aptitudes para formación profesional (FP) ou ensinanzas artísticas. E o que aínda é peor: acceder como sexa á universidade, desbotando ditas vías que, no caso da FP, teñen moito mellores oportunidades de inserción laboral e incluso de satisfacción persoal. España ten unha porcentaxe de titulados universitarios superior á da UE e non obstante moito máis baixa en ensinanzas postobrigatorias.

Rematar o bacharelato ou acceder á universidade con aprobado resúltalle fácil a moitos estudantes que entran no ensino superior non só cunha formación moi deficiente, senón sen o máis mínimo interese por estudar. A consecuencia asombrosa é que, en vez de ter que adaptarse estes á universidade, ocorre á inversa: hai unha gran baixada do nivel, que, xunto coa insistencia do alumno e a pasividade do profesor, facilita de novo o aprobado e mesmo a obtención dun título superior. A consecuencia son estudos universitarios desprestixiados, pésimas posibilidades de inserción laboral e moitas frustracións persoais.