«Unha das forzas da profesión é a seguridade alimentaria»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

CIENCIA

miguel souto

Recibiu onte a medalla de Académico Correspondente Nato da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España

02 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O lalinense Antonio Crespo Iglesias, presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, foi nomeado na xornada de onte Académico Correspondente Nato da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España no transcurso da apertura do curso académico 2021.

-Que significado ten este nomeamento?

-É un orgullo recibilo, e espero estar á altura e poder contribuír modestamente en todo o que me toque facer. Serve tamén para significar que a ciencia veterinaria é moito máis completa do que a xente pensa. Non estamos exclusivamente para curar animais enfermos. O campo veterinario vai máis alá.

-O discurso de apertura do curso académico versou sobre alimentos seguros. Decatámonos da importancia da seguridade alimentaria, máximo en plena pandemia?

-Somos dos países punteiros e máis avanzados en seguridade alimentaria. É un dos campos nos que precisamente está unha das forzas da profesión veterinaria. Moita xente non sabe que en España e en Galicia esa seguridade está en mans de veterinarios, que son os que supervisan as agriculturas nas explotacións, matadoiros, restaurantes, prazas... Son os que vixían que todo estea correcto e nesta pandemia o persoal que se encargou de todo iso foi nomeado persoal esencial en todo momento. Humildemente creo que se fixo un traballo considerable na liña que se estaba facendo, e aí estivo a profesión veterinaria a moi bo nivel, permitindo que os alimentos que se consumen sexan sempre seguros. Pode non dárselle valor pero un produto en mal estado podería ser moi prexudicial para a saúde.

-A crise sanitaria obrigou a reformular determinadas prácticas respecto dos alimentos?

-En calquera paso que se dá dende o animal na explotación ao alimento que temos no prato, todos os pasos teñen distintos profesionais vixiando que todo se faga correctamente. Dependendo da fase na que se atope o produto hai uns técnicos; veterinarios encargándose de que todo funcione dun xeito correcto.

-Que papel está xogando o profesional veterinario neste case un ano de coronavirus?

-A inmensa maioría das enfermidades son zoonóticas, transmisibles dos animais ás persoas, e a covid é unha zoonose polo que a parte veterinaria nese campo é de sentido común. A ciencia veterinaria ten aquí moito que dicir.

-Abriron o curso na academia galega falando da covid.

-Hai que ter en conta que os profesionais de Sanidade Animal e Sanidade Pública participan no control de epidemias e o decano da Facultade de Veterinaria Gonzalo González falou da evolución pandémica dende distintos parámetros. É unha visión neste escenario onde a profesión veterinaria ten moito que dicir e escóitase pouco. Vemos a situación con preocupación, e dende o punto de vista social debería de tomarse con máis seriedade. É un virus moi perigoso, e non nos establecen normas por capricho.